O concello de Ordes acollerá o vindeiro 28 de abril as III Xornadas “A Discapacidade Hoxe”, nas que participarán diferentes entidades do ámbito social, entre elas, Feafes Galicia. O encontro será no Auditorio do Museo do Traxe “Juanjo Liñares”, no Campo da Feira.
Os actos comezarán as 10 horas coa inauguración por parte do alcalde de Ordes, Manuel Regos Boquete, e a concelleira de Diversidade Funcional, Lucía Iglesias Mirás. A continuación falarán o presidente da FAXPG, Feliciano Sola Limia; a delegada presidenta da ONCE en Galicia, Loli Venancio; o presidente de Cogami, Anxo Queiruga; e o presidente de Fademga, Eladio Fernández Pérez.
Tras unha pausa para a comida, as intervencións retomaranse pola tarde a partir das 16 horas. En primeiro lugar, falará un representante de Asem, seguido do presidente de Feafes Galicia, Xosé Ramón Girón. Despois, será o turno do presidente de Down Compostela, Juan Jesús Martínez; e do vicepresidente da Federación de Autismo, Cipriano Luis Jiménez.
Para rematar, ás 19 horas, clausurarán as xornadas o alcalde do concello de Ordes e a concelleira de Diversidade Funcional.