Os días 4, 5, 6 e 7 de febreiro de 2014 terán lugar as “III Xornadas Iberoamericanas Recursos Humanos e Responsabilidade Social Corporativa”. Os tres primeiros días desenvolveranse na Facultade de Ciencias do Traballo da Universidade de A Coruña (Ferrol) e a clausura terá lugar no Hotel Balneario de Guitiríz (Lugo).
Trátase dunhas xornadas de carácter solidario abertas ó público en xeral e en particular a todos aqueles interesados en temas relacionados coas persoas e a responsabilidade social. Esta edición centrarase en catro grandes bloques: a inmigración e a diversidade; as persoas e a responsabilidade social; o turismo e o emprendemento e finalmente se afrontará a temática do cancro e o ámbito laboral.
Este ano, por segunda vez consecutiva, FEAFES Galicia participará nestas Xornadas mediante unha ponencia que terá lugar o 5 de Febreiro ás 19:00 baixo o título “En busca de oportunidades na inserción de persoas con enfermidade mental”. A ponente será Cristina Rivas Prado, orientadora laboral, psicóloga e responsable da delegación de FEAFES en A Coruña.
Ademais, FEAFES Galicia contará cun stand informativo sobre a entidade, ó igual que AFAES (Ferrol) e APEM (A Coruña). Grazas a estes stands, poderemos informar e sensibilizar sobre a enfermidade mental e os recursos de atención que temos dispoñibles para ela.
Tendo en conta que entre os asistentes ás xornadas haberá diversos perfís como alumnos universitarios,empresarios e cidadanía en xeral, consideramos útil informar sobre as competencias laborais das persoas con discapacidade, as bonificacións e accións de Responsabilidade Social Corporativa que se poden aplicar a través de accións de inserción laboral do noso colectivo.
Para consultar o programa do evento, entra aquí. E se estás interesado en apuntarte, é necesario que te inscribas cubrindo o formulario que atoparás aquí.