O programa Incorpora da Obra Social “la Caixa” busca facilitar o acceso a un posto de traballo por parte de persoas en risco de exclusión social. Trátase dun programa de intermediación laboral que combina as necesidades do tecido social e empresarial para asegurar o éxito na integración laboral.
Dentro dos seus diversos ámbitos de actuación, o programa Incorpora conta cunha sección específica de Saúde Mental, que ten o propósito de mellorar os resultados da integración laboral das persoas con trastorno mental, tendendo pontes entre as empresas e as entidades sociais que traballan con este colectivo.
FEAFES Galicia forma parte deste programa mediante unha serie de técnicos de inserción laboral que proporcionan todo o asesoramento necesario para as empresas, así como pleno apoio en todas as fases do proceso dende a selección ata a completa integración do usuario no posto de traballo.
No marco deste traballo, Obra Social “la Caixa” organiza a I Xornada Técnica Incorpora Saúde Mental que terá lugar o 22 de outubro no CaixaForum de Madrid e que está especialmente dirixida ó persoal técnico de inserción, preparación laboral e responsables do programa Incorpora.
Durante esta xornada de traballo, preténdese poñer en valor e resaltar a tarefa das entidades que participan no programa Incorpora, así como detectar as súas necesidades. O obxectivo é tecer entre todos unha rede de colaboración activa que permita ós técnicos de inserción laboral seguir traballando na procura do seu obxectivo.
Entre os distintos relatorios que conforman o programa destas Xornadas, ás 13:00 haberá unha mesa de debate sobre estratexias de prospección empresarial en tempos de crise. Nela participarán as profesionais de FEAFES Galicia Carina Rivera, coordinadora do Servizo de Emprego, e Area López, orientadora laboral e técnico de inserción laboral.
Se queres consultar o programa completo das xornadas ou ampliar información sobre as mesmas, podes pinchar aquí.