A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), en colaboración con Fundetec, presentaron o pasado martes 24 de marzo o proxecto “CeMIT-Innova: Fomento da innovación social dixital” nunha xornada que tivo lugar no auditorio da Biblioteca da Cidade da Cultura de 09:30 a 15:00.
O obxectivo deste encontro era explicar en que consiste a innovación tecnolóxica no eido social a formadores e usuarios das aulas da rede CeMIT, voluntarios dixitais, entidades locais, organizacións de acción social, empresas e persoas interesadas na innovación social dixital. Por parte de FEAFES Galicia acudiu a técnico de comunicación, coa fin de detectar as posibilidades de aplicación das novidades tecnolóxicas ó desenvolvemento e integración social das persoas con enfermidade mental.
A primeira parte da xornada, baixo o título ‘As aulas CeMIT, novos espazos para a innovación Social Dixital’, dedicouse á reflexión sobre o que significa a innovación Social Dixital e como levala a cabo. Nela interviñeron Concepción Galdón, directora xeral de Pontes Global e Coordinadora de ‘Área 31’, espazo de innovación e emprendemento de IE Business School; e Ana Álvarez, consultora especialista en cambio e dinamización de espazos.
Na segunda parte do encontro expuxéronse casos de éxito mediante a presentación de tres experiencias reais de innovación social dixital: ‘Fraguando a Diversidade’ do IES Antonio Fraguas no campo audiovisual; ‘Emprega Oroso’, portal de emprego impulsado polo centro CeMIT e o concello de Oroso; e os traballos de ‘Espazo Arroelo’, espazo de coworking en Pontevedra.
O último bloque da xornada estivo destinado á realización de talleres nos que, a través de dinámicas de grupo e utilizando técnicas de creatividade e ‘desing thinking’, traballouse na identificación de desafíos locais a resolver dende o enfoque da innovación social dixital.