Skip to main content

O pasado mércores 22 de abril tivo lugar na Escola Galega de Administración Pública en Santiago de Compostela, o segundo dos catro encontros provinciais no que participan dirixentes, técnicos e voluntarios de diversas entidades e concellos. Entre eles atopábanse representantes de FEAFES Galicia e de Apem que traballan con voluntariado, unha práctica que aporta un importante valor engadido á labor que realizan as nosas entidades e que enriquece tanto ós propios voluntarios como ó colectivo co que traballamos.

Neste encontro, presidido polo Director Xeral de Voluntariado, Ovidio Rodeiro, analizouse a actualidade do terceiro sector en Galicia e abordáronse temas como a redacción do decreto polo que se crea o Observatorio Galego de Acción Voluntaria, as ordes de axudas neste eido ou o deseño da Estratexia de acción Voluntaria 2015-2018.

Rodeiro aproveitou o encontro para lembrar a recente publicación das subvencións para entidades de acción voluntaria e entidades locais enmarcadas no programa Servizo de Voluntariado Xuvenil na convocatoria para o ano 2015. Subvencionaranse actividades relacionadas co Camiño de Santiago, a recuperación da cultura, arte e tradicións populares; actividades con colectivos en situación de risco, xuvenís ou relacionadas coa igualdade de xénero; ou a posta en marcha de programas de voluntariado no ámbito familiar.

FEAFES Galicia, como entidade non lucrativa que avoga pola plena inclusión social das persoas con enfermidade mental, sérvese do voluntariado para apoiar a este colectivo no seu camiño cara a consecución dunha vida digna e normalizada, permitindo un enriquecemento mutuo a través do contacto entre os voluntarios e os usuarios. 

reunion voluntariado.jpg