A Asociación Itínera naceu no ano 2005 como consecuencia das experiencias de voluntariado levadas a cabo no Hospital Psiquiátrico de Conxo. Nel, puxéronse en marcha diversos programas educativos, recreativos e deportivos nos que participaron máis de 400 voluntarios. O seu obxectivo era lograr un maior nivel de socialización das persoas con trastornos mentais severos e loitar contra o empobrecemento ambiental que caracteriza á institucionalización psiquiátrica.
Pasados os anos, eses voluntarios quixeron transcender o Hospital e dar apoio ás persoas con enfermidade mental na comunidade facilitando a súa integración, a participación social e a redución do estigma que supón padecer un trastorno deste tipo. Por iso, a asociación Itínera ofrece unha serie de programas e proxectos nesta liña, entre os que se atopan o III Curso de formación de voluntariado en saúde mental.
Este terá lugar os días 21, 22, 28 e 29 de Marzo na Aula Magna da Facultade de Matemáticas da USC en Santiago. O prazo de inscrición estará aberto ata o 19 deste mes, haberá prazas limitadas e o prezo do curso será de 40€. Trátase dunhas xornadas recoñecidas academicamente pola USC cun crédito de libre configuración para todas as titulacións.
O curso consta de oito bloques nos que se tratarán os seguintes contidos:
- I. Introdución ó voluntariado en saúde mental
- II. O mito do enfermo mental violento
- III. A institucionalización das persoas con trastorno mental severo
- IV. A voz calada
- V. A educación como elemento de rehabilitación
- VI. As campañas de loita contra o estigma
- VII. As asociacións, axentes de rehabilitación ou instrumentos de control das persoas con trastorno mental severo?
- VIII. Dinámicas e conclusións
Como movemento asociativo de referencia en saúde mental a nivel autonómico, FEAFES Galicia participará en varias das sesións que terán lugar dentro destas xornadas. O sábado 22 de Marzo ás 10:00, o avogado do Servizo de Asesoría Xurídica de FEAFES Galicia, Iván Sanmartín, falará sobre “A consideración de perigosidade para as persoas con trastorno mental severo no novo Código Penal”.
Por outra banda, o sábado 29 de Marzo ás 11:00 serán a Responsable de Comunicación de FEAFES Galicia, Ana Escrigas, e a Coordinadora de Programas da entidade, Diana Muñoz, quen impartan unha ponencia sobre “As campañas de loita contra o estigma”. O mesmo día ás 12:30 haberá unha sesión na que de debaterá “o papel das asociacións como axente rehabilitador ou como instrumento de control das persoas con enfermidade mental”, onde participarán representantes de varias asociacións federadas en FEAFES Galicia como Andaina ou Fonte da Virxe.
Para obter máis información ou inscribirse no III Curso de formación de voluntariado en saúde mental, podes enviar un e-mail a sepiu.santiago@usc.es, chamar ó 881 812 858 / 859 ou pinchar no seguinte enlace.