A directiva da SD Compostela, encabezada por Antonio Quinteiro, e os representantes das sete asociacións participantes no partido solidario organizado polo club (COGAMI, Compostela Down, Feafes Galicia, Xuntos Podemos, Fundación Andrea, Fundación Sarela e Proxecto Home) presentaron os detalles do encontro que conmemora os cincuenta anos de vida do club. O Compostela enfrontarase o próximo 29 de decembro (16.30 horas, San Lázaro) a un combinado de xogadores galegos, pertencentes ás diferentes categorías de fútbol nacional, co fin de recadar fondos para as citadas asociacións.
“Será un acto deportivo e social, o máis importante dentro do programa de eventos que preparamos para festexar o 50º aniversario do club. Queremos axudar así as diferentes entidades benéficas que desenvolven un labor esencial a diario. Nunha época solidaria como o Nadal, unimos a nosa celebración ao apoio aos máis necesitados. O 29 de decembro será unha data importante para todo o compostelanismo, para o fútbol galego e para toda a sociedade,” destacou Antonio Quinteiro, presidente da SD.
Dende a directiva do club branquiazul fan un chamamento para que a xente acuda a San Lázaro “non só para gozar do fútbol, senón tamén para axudar a diferentes causas sociais”. O prezo marcado para a entrada é de cinco euros. Ademais abriuse unha fila cero co número de conta 2080 0300 88 3040 152961 para que se poidan sumar achegas.
O concelleiro de Deportes da cidade, Adrián Varela, asistiu tamén á presentación do partido solidario e destacou “o importante traballo que o Compostela está a desenvolver a nivel deportivo e social ao longo deste ano. O 29 de decembro viviremos en San Lázaro un grande espectáculo de fútbol que irá unido a unha magnífica acción solidaria. A asistencia ao partido servirá para axudar diferentes entidades, polo que é importante que os santiagueses esteamos presentes ese día,”.
Pola súa banda, Fernando Vázquez, técnico que se encargará de deseñar e dirixir o combinado de xogadores galegos que deberá enfrontarse ao Compos, sinalou que “trataremos de facer un grupo atractivo, con xogadores recoñecidos, que axude a traer xente ao campo e sumar aportacións. A idea é construír un equipo semellante á selección galega. Serán xogadores galegos que militan en Primeira División, algún fóra de Galicia. Xa temos o permiso dos clubs, agora queda reunir aos futbolistas dispoñibles”. Nos próximos días coñecerase a lista de xogadores galegos participantes no encontro.