Skip to main content

O presidente de FEAFES Galicia, Xosé Ramón Girón García, e o presidente da Fundación Emplea, Fernando Bellver Silván, firmaron un convenio de participación no proxecto ECA en RED.

A Fundación Emplea ten como misión impulsar, promover e favorecer a aplicación e promoción do Emprego con Apoio en todo o territorio español e nos países de fala española. Con isto, preténdese lograr a integración laboral nas empresas ordinarias de aquelas persoas que posúen algún tipo de discapacidade ou están en risco de exclusión social.

O Emprego con Apoio é unha metodoloxía de inserción laboral que establece unha serie de accións de orientación e acompañamento individualizado tanto dentro como fora do traballo. Para iso, os preparadores laborais están ó servizo tanto das persoas con discapacidade como dos seus familiares e dos empresarios para conseguir que o traballador atope e manteña un emprego remunerado en empresas ordinarias, buscando condicións laborais similares ó resto dos traballadores que desempeñan postos equivalentes.

A filosofía de Emprego con Apoio permite formar ás persoas no posto ofrecéndolles apoio para conseguir unha adecuada adaptación ó posto e o óptimo desempeño laboral, todo co obxectivo de facilitar o mantemento nun posto de traballo de calidade. De cara o empresario, resulta vantaxoso formar antes ós traballadores e valorar se cumpren o perfil, contando cun preparador laboral que realice un seguimento e lle ofreza apoio para solventar dificultades que poidan xurdir. Segundo a nosa experiencia, resulta unha fórmula de inserción vantaxosa para todas as partes implicadas, ofrecendo novas oportunidades de inserción a persoas con especiais dificultades.

A través da firma deste convenio, FEAFES Galicia pasa a formar parte do proxecto ECA en RED desenvolvido por FSC Inserta e a Fundación Emplea, cofinanciado pola Fundación Once e polo Fondo Social Europeo. 

A Fundación Emplea porá a disposición de FEAFES Galicia aqueles recursos de información e asesoramento lles sexan necesarios, aplicando tamén criterios de igualdade, non discriminación e transparencia á hora de desenvolver o proxecto. O convenio entrou en vigor no momento da súa firma e durará ata o 31 de Decembro de 2014.

logoecaenred.jpg