O martes 16 de decembro celebrouse a primeira reunión das entidades participantes no proxecto INclúe, unha proposta que pretende deseñar un modelo de atención social innovador centrado na persoa coa fin de lograr unha mellor calidade de vida, igualdade de oportunidades, dereitos, autonomía e cidadanía das persoas en situación de exclusión social.
Este venres 30 de xaneiro terá lugar a segunda intervención deste grupo de traballo, formado por representantes dunha vintena de entidades entre as que se atopa FEAFES Galicia. Promovido por Emaús Fundación Social e apoiado pola Dirección Xeral de Familia e Inclusión da Xunta de Galicia, o proxecto INclúe ten asumido o reto de fortalecer a colaboración interinstitucional para aumentar a eficacia das actuacións de abordaxe da exclusión social.
Para isto, é imprescindible a participación dos servizos sociais comunitarios implicados na atención a persoas en risco de exclusión, así como das entidades de iniciativa social que teñen experiencia no desenvolvemento de actuacións de inclusión social en Galicia. Xuntando a todos estes axentes, formúlase o modelo INclúe.
O xeito no que se está a actuar consiste na realización de foros de debate e reflexión a través de espazos participativos de traballo. O obxectivo destes encontros é consensuar as claves do modelo INclúe e as ferramentas para a valoración técnica das situacións de exclusión social.
Ademais de FEAFES Galicia, as entidades que conforman o grupo de traballo INclúe son Aliad-Ultreia, Arquitectos Sen Fronteiras, a Unidade de Conductas Adictivas- Asvidal, Cáritas Diocesana de Ourense, Cáritas Diocesana de Tui-Vigo, o Centro de Desenvolvemento Rural O Viso, Cruz Vermella, Ecos do Sur, Fundación Juan Soñador, Fundación Secretariado Xitano, Igaxés 3, Médicos do Mundo, o Instituto Benéfico Social Padre Rubinos, o Plan Comunitario de Téis, o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, e os servizos sociais comunitarios básicos dos Concellos de Santiago, Vigo, Viveiro e Ourense.