Skip to main content

O mércores 12 de marzo terán lugar os III Encontros de atención á diversidade organizados polo Centro de Formación e Recursos da Coruña, o Equipo de Orientación Específico e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia. Estes terán lugar no salón de actos da UNED na Coruña (Rúa Pepín Rivero, 3) de 9:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00.

Esta xornada, concibida como un encontro entre o Equipo de Orientación Específico e os orientadores dos distintos centros educativos galegos, está dirixida a mestres, profesores e catedráticos de ensino secundario coa fin de compartir modelos, protocolos, materiais e recursos de atención á diversidade. Preténdese deste xeito manter unha rede dinámica de intercambio e boas prácticas entre os departamentos e os equipos de orientación.

FEAFES Galicia intervirá nunha das mesas redondas que terá lugar pola tarde na que se realizará un intercambio de experiencias. Esta será na aula 1.1 do 1º andar e estará moderada por Miguel Campuzano Álvarez e Mercedes Varea Cascallar. A nosa compañeira Diana Muñoz, coordinadora de programas de FEAFES Galicia, e Ana Rubio Cereijo, orientadora do IES de Ames, exporán un caso de “Avaliación e intervención interdisciplinar cun alumno con trastorno mental grave”.

De forma paralela ás ponencias, no vestíbulo da entrada do Edificio UNED haberá unha exposición de materiais adaptados, bibliográficos e psicopedagóxicos relacionados co contido do encontro. 

encontros atencion diversidade 2.jpg