Skip to main content
Novas

Feafes Galicia participa nunha Xornada Formativa sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade

By 14 de Maio de 2013Novembro 13th, 2022No Comments

Grazas á colaboración de Obra Social “la Caixa” a través da convocatoria de Promoción da Autonomía e Atención á Discapacidade e á Dependencia 2012, realízase este proxecto de “Prevención e Vida Independente de Persoas con Enfermidade Mental” o cal desenvolve accións dirixidas á promoción e empoderamiento das persoas con enfermidade mental a través do coñecemento dos seus dereitos ratificados pola Convención da ONU sobre os dereitos das persoas con Discapacidade.

A través deste proxecto FEAFES impartirá dúas edicións dun curso de formación para persoas con enfermidade mental e os seus familiares co fin de que coñezan os seus dereitos fundamentados na Convención das Nacións Unidas en relación cos Dereitos das Persoas con Discapacidade, partindo da base de que o coñecemento destes é o primeiro paso para recoñecelos, saber como exercitalos e reclamalos en caso de necesidade.

Por parte de Feafes Galicia, acudirán Francisco Antonio Hermo, membro do Comité de Persoas con Enfermidade Mental, e María Dolores Parrado Campos, como familiar.

Posteriormente o coñecemento adquirido polos/as participantes favorecerá que se convertan en referentes para sensibilizar outras persoas dentro das súas comunidades autónomas e así xerar un efecto de “bola de neve”, para que máis persoas coñezan e reivindiquen os seus dereitos.

Cabe destacar que a formación que se realizará non require unha formación especializada no ámbito xurídico, o curso desenvolverase de forma dinámica e participativa. Esta formación tratará diferentes aspectos da Convención e a súa aplicación, traballará o estigma e a discriminación e tamén pautas xerais sobre escoita activa, dinamización de grupos e como sensibilizar e transmitir os coñecementos adquiridos.

FEAFES ademais elaborou un folleto informativo o cal foi validado tanto polo Comité de Persoas con Enfermidade Mental como polo Comité Xurídico da Confederación FEAFES, o cal explica dunha forma didáctica situacións da vida cotiá nas que se vulneran os dereitos e que será a base para posteriores actividades de sensibilización nas diferentes comunidades autónomas.