A Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (Feafes) conmemora un ano máis o Día Mundial da Saúde Mental, unha xornada na que quere reclamar unha atención integral ás persoas con enfermidade mental, que en Galicia afecta a máis de 40.000 persoas. Esto implica que ademáis do tratamento farmacolóxico, se deben aplicar todas as medidas terapéuticas necesarias e adaptadas ás necesidades particulares de cada persoa, o que permite unha mellor recuperación e maior autonomía.
Unha de cada catro persoas padece algunha enfermidade mental ao largo da súa vida. O principal problema en saúde mental é o gran número de persoas que non contan cun tratamento axeitado: en moitas ocasións non se mantén unha perspectiva integral do tratamento, nin se asegura que sexa continuado. Segundo unha enquisa da OMS, entre un 35 e un 50 por cento das persoas con enfermidade mental dos países desenvolvidos non recibe ningún tipo de tratamento.
A atención integral e a continuidade nos coidados das persoas con enfermedidade mental supón un aforro no gasto público, dado que reduce enormemente as partidas máis costosas: os ingresos hospitalarios, os servizos de urxencias e a compra de fármacos. Neste sentido, dende Feafes Galicia propoñemos unha serie de medidas como a prevención, a atención comunitaria, ou a detección precoz, que supoñen unha mellora nas prestacións ao conxunto da poboación, ao tempo que poden permitir un aforro nas contas públicas.
Ademais, a integración das persoas con enfermidade mental pasa por unha maior coordinación socio-sanitaria, que fomente a máxima autonomía deste colectivo, políticas de inserción laboral, así como unha actitude da sociedade máis aberta e comprensiva fronte aos problemas de saúde mental. Desde Feafes Galicia ofrecemos a nosa colaboración a toda aquela institución ou Administración Pública que se propoña mellorar a calidade na atención ás persoas con enfermidade mental.
En épocas de crise económica corremos o risco de situar a saúde mental en segundo plano dentro das nosas prioridades. Con todo, dende Feafes Galicia consideramos necesario prestar atención aos diferentes problemas de saúde mental, xa que entre o 2.5 e o 3por cento da poboación adulta ten unha enfermidade mental crónica e unha de cada catro persoas terá algún tipo de enfermidade mental (crónica ou leve) ao longo da súa vida.
Así pois, Feafes Galicia reclama que a ningún cidadán se lle negue o dereito a recibir atención médica ou que esta se limite só ás urxencias. Esto só provocaría o deterioro do trastorno destas persoas e, en moitos casos, unha condea á exclusión. Deste modo, reiteramos o noso obxectivo de facer cumprir da Convención ONU dos Dereitos das Persoas con Discapacidade ratificada por España.
Así mesmo, Feafes Galicia mostra o seu rexeitamento a limitar as prestacións previstas na Lei de Autonomía Persoal e Atención ás Persoas en Situación de Dependencia (coñecida como Lei da Dependencia) e pide unha aplicación do baremo máis axustada á realidade dos trastornos mentais.
Por outra banda, a atención en saúde mental a nenos e mozos é unha das máis graves deficiencias no noso país. Fai falla persoal e recursos especializados que teñan en conta as características particulares de nenos e mozos.
Ademáis, segundo un informe elaborado pola Universidade Complutense de Madrid, só o 4,6% das persoas con trastorno mental ten un emprego regular. Un 44% das persoas con trastorno mental asegura ter sufrido algún tipo de discriminación laboral.
O lema escollido este ano para a conmemoración do Día Mundial é “A mellor inversión, a túa saúde mental”. Dende Feafes Galicia, invitamos a todas as persoas a realizar ese “investimento” na súa propia saúde mental, así como na das persoas do seu ámbito. Un investimento que non ten por que medirse en euros, senón en adoptar outros modos de vida e valores: organizar o noso tempo de forma menos estresante; coidar -e deixarse coidar- polos nosos familiares, amigos, compañeiros de traballo, etc; e sobre todo, cambiar a nosa visión ante os problemas de saúde mental, para afrontalos con decisión e apoiar a quen os presenta como calquera outro problema de saúde máis.
Iniciativa novidosa: O Comité de Persoas con Enfermidade Mental de Feafes Galicia
Feafes Galicia vén de poñer en marcha una novidosa iniciativa, coa que por primeria vez as persoas con enfermidade mental teñen voz propia para opinar sobre os asuntos que lle concernen. O Comité de Persoas con Enfermidade Mental de Feafes Galicia reúne a representantes de varias asociacións e das diferentes delegacións da nosa federación. Este comité ten como obxectivo promover o empoderamento das persoas con enfermidade mental e crear un marco de diálogo e debate para os integrantes deste colectivo. Este grupo está enfocado á consecución de acordos concretos e á realización de aportacións das súas propostas á Xunta Directiva de Feafes Galicia.
Dende Feafes Galicia agardamos que este Comité sirva de impulso para o cumprimento da Estratexia en Saúde Mental e se converta nun foro de ideas dende o que se deseñen vías de solución. Tamén esperamos que o Comité axude a Feafes Galicia a cumprir a súa misión e que neste foro de expertos se intercambien experiencias entre as distintas asociacións. Nas súas reunións, os membros do comité tratan os temas que lles afectan, como a mellora da atención socio-sanitario ao colectivo, a formación como facilitadora da inserción laboral, ou as posibles accións de loita contra o estigma e promoción da sensibilización, entre outros.