FEAFES Galicia pon en marcha hoxe mesmo a campaña Mentalízate, que ten como obxectivo informar e sensibilizar a adolescentes e mozos sobre a saúde mental. A iniciativa promociona a saúde mental a través do fomento de hábitos e estilos de vida saudables, así como a prevención da enfermidade mental a través da concienciación aos mozos sobre o risco do consumo de tóxicos (especialmente alcohol e cannabis).
A campaña Mentalízate foi deseñada por FEAFES Castela e León e recoñecida con varios premios: Obra Social Caja Madrid, Premios Toda Una Vida Para Mejorar e Premio Jaime Albert Solana. Dende Febreiro do 2008, a súa execución expandiuse a todo o territorio estatal, despois de beneficiarse da campaña máis de 24.000 mozos.
Dentro desta iniciativa realizaranse actividades en diversos institutos das catro provincias galegas, chegando a un total de 23 localidades e cidades entre as que se atopan A Coruña, Lugo, Ourense, Vigo, Redondela, Vilagarcía, Burela, Chantada, Monforte, Ferrol, Narón, Neda, Carballo, Coristanco, Cee, Fisterra, Vimianzo ou Padrón. A primeira das accións terá lugar hoxe mércores 15 de Xaneiro ás 17:00 no instituto Xelmírez I de Santiago de Compostela, continuando durante toda esta semana cun total de 6 charlas.
As charlas nos institutos realizaranse durante o curso escolar ata finais do mes de xuño. As ponencias serán impartidas por profesionais da Federación e das asociacións, e nelas entregarase aos alumnos materiais divulgativos da campaña. Esta iniciativa será realizada en máis de 50 institutos galegos, chegando así a máis de 2.500 alumnos e a arredor de 190 profesores e orientadores.
A Organización Mundial da Saúde declarou que a falta dunha boa saúde mental nas primeiras etapas da vida pode provocar enfermidades mentais a longo prazo que acompañarán á persoa durante toda a súa existencia. Actualmente, calcúlase que polo menos o 20% dos adolescentes e mozos de todo o mundo teñen unha enfermidade mental.
Os problemas de saúde mental non só deben ser resoltos dende o tratamento e arehabilitación. Tamén é necesario insistir no deseño de actuacións de promoción da saúde mental e prevención dos trastornos mentais dende unha óptica intersectorial e multidisciplinar. O ámbito educativo é fundamental para o desenvolvemento destas actuacións; non obstante, cabe destacar a escaseza de accións específicas de promoción da saúde mental e prevención de trastornos mentais que se realizan neste ámbito.
A campaña Mentalízate pretende paliar esta escaseza e converterse nun mediopara promover os hábitos de vida saudables, o coñecemento das enfermidadesmentais, a súa relación co consumo e ademais traballar posibles estigmas vinculados á enfermidade mental.
Os institutos de toda Galicia que estean interesados en incorporarse á campaña Mentalízate poden facelo poñéndose en contacto con FEAFES Galicia a través do número de teléfono 981 554 395.