Feafes Galicia vén de poñer en marcha un club de ocio dirixido ás persoas con enfermidade mental de Vigo e da súa área de influencia. Nel participan usuarios da federación e das asociacións da zona, tales como Lenda, Doa, Avelaíña e Alba. As actividades comezaran este venres, 11 de maio, e ao tratarse da primeira, os participantes reuniranse para coñecerse e intercambiar as súas preferencias de caras as próximas quedadas.
Esta iniciativa ten como obxectivo que as persoas con enfermidade mental melloren a súa calidade de vida, teñan unha plena integración social e normalicen a súa vida en todos os planos. Así, o grupo reunirase cada dúas semanas para realizar actividades lúdicas na cidade olívica acompañados dunha monitora.
O primeiro club de ocio de Feafes Galicia inciouse en 2009 en Santiago de Compostela e convertiuse nunha das principais demandas dos usuarios de Feafes Galicia. Ademáis, supón un alivio para os coidadores, que disfrutan dun tempo de descanso. En 2010, ampliouse o club a Lugo, Burela, A Coruña e Monforte e no último ano participaron un total de 222 usuarios en diferentes actividades.
As saídas organízanse cada quince días e realízanse, principalmente, a fin de semana. Entre as actividades de máis éxito destacan os concertos, o cine, o karaoke, os bolos e a asistencia a encontros deportivos.