Skip to main content

A federación galega de saúde mental, FEAFES Galicia, sacou á luz a súa memoria de actividades correspondente ó ano 2014 coa fin de visibilizar as accións realizadas a favor do colectivo das persoas con enfermidade mental e os seus familiares. A entidade cumpre así co seu compromiso de transparencia e pon ó alcance de todo o mundo o balance económico do ano e os detalles sobre a xestión realizada.

Ó longo do 2014, o Servizo de Atención Sociofamiliar de FEAFES Galicia atendeu a un total de 582 persoas. Entre os programas ofrecidos neste eido destacan o de atención integral a mulleres con enfermidade mental (con 66 mulleres atendidas), o programa de atención integral en centros penitenciarios (con 211 reclusos atendidos) e o programa de atención integral á exclusión social, posto en marcha ese mesmo ano (con 34 beneficiarios).

O Servizo de Asesoría Xurídica, pola súa banda, atendeu un total de 409 consultas procedentes de persoas con enfermidade mental, familiares e profesionais. Ademais, os asesores xurídicos realizaron unha serie de accións formativas en distintos lugares para informar sobre temas legais relacionados coa saúde mental.

A través do Servizo de Emprego recibiron orientación laboral un total de 2.383 persoas, logrando que 155 usuarios accedesen ó mundo laboral a través de 231 contratos. Fomentouse tamén o acceso a prácticas non laborais, das que puideron beneficiarse 45 usuarios, e realizáronse accións de prospección laboral visitando 91 empresas novas e logrando 60 convenios de colaboración en total. Cabe destacar tamén o importante impulso do emprego con apoio, realizado en 202 casos.

O Servizo de Ocio e Deportes ofreceu estancias vacacionais e viaxes para persoas con enfermidade mental, ademais de realizar o Camiño de Santiago con 126 camiñantes. Conta cun programa de deporte e saúde no que participan 388 usuarios e cun programa cultural que xerou 1.388 asistencias ó longo do ano. Cabe destacar, ademais, a ampla participación dos usuarios nos Clubs de Ocio da Federación, que contan con 555 membros, e o primeiro premio acadado pola selección de balompé de FEAFES Galicia no Torneo Interautonómico de Fútbol Sala TINFUSAM.

En canto ó Servizo de Comunicación e Sensibilización, no 2014 FEAFES Galicia realizou un cambio de imaxe corporativa asumindo un novo logotipo. Lográronse 139 aparicións en medios de comunicación e a páxina web recibiu un total de 31.709 visitas, destacando tamén a ampla presenza na Internet a través das redes sociais e a apertura de novas plataformas. En canto ás accións de sensibilización, destaca a Campaña Mentalízate impartida en 50 centros educativos, e no tocante á formación FEAFES Galicia realizou ó longo do 2014 un total de 119 accións formativas.

Para ver a memoria completa picha aquí.