Skip to main content

O pasado xoves 27 de Febreiro tivo lugar na delegación santiaguesa de FEAFES Galicia a segunda reunión do Grupo de Familias, unha xuntanza na que familiares de persoas con enfermidade mental se reuniron cos profesionais da Federación para abordar temas relacionados con estas patoloxías. 

A esta segunda sesión acudiron un total de 7 persoas que comparten inquedanzas, situacións e circunstancias comúns. Baixo unha dinámica de debate e participación, os familiares das persoas con enfermidade mental aprenderon máis sobre FEAFES Galicia, debateron acerca da imaxe que teñen sobre a enfermidade mental e sobre posibles xeitos de loitar contra o estigma.

Ademais, abordouse tamén a importancia do emprego para este colectivo e a importancia que ten o apoio familiar, así como a necesidade de fomentar a autonomía das persoas con enfermidade mental. Para iso, realizouse un exemplo práctico no que os participantes tiveron que recrear, por grupos, distintas situacións para avaliar o grao de autonomía ou sobreproteción que exercen sobre os seus familiares con diagnóstico.

FEAFES Galicia pretende, a través destas xuntanzas, prestar apoio e formación psicoeducativa ós familiares coa fin de mellorar tanto a calidade de vida das persoas con enfermidade mental como a súa propia. En reunións coma esta, os familiares dispoñen dun momento para compartir experiencias e sentir que non están sos, pois se trata de espazos onde a familia é a protagonista e se ofrece a posibilidade da aprendizaxe mutua reforzando a cohesión e o sentimento de apoio.

faldon empregate.jpg