Skip to main content

O mércores 2 de xullo, o presidente de FEAFES Galicia, Xosé Ramón Girón, compareceu no Parlamento de Galicia no marco da Comisión non permanente de Seguimento das Políticas relativas á Discapacidade e elaboración de novas Propostas a Favor da Integración das Persoas con Discapacidade. 

Un total de nove deputadas que representan ós cinco grupos parlamentarios de Galicia escoitaron a exposición de Girón, quen presentou con claridade as deficiencias que existen na atención á saúde mental e as necesidades máis urxentes do colectivo. Destacamos moi positivamente o interese e coñecemento amosado polas deputadas, pois na súa quenda de intervencións formularon preguntas que abordaron todos os ámbitos nos que fai falla traballar a saúde mental: menores, servizos público, servizos sociais e sanitarios, exclusión social, etc.

O presidente de FEAFES Galicia estivo acompañado ademais polo director da entidade, outros membros da Xunta Directiva e varios representantes do Comité de Persoas con Enfermidade Mental de Galicia.

20 anos de retraso

Na súa comparecencia, Xosé Ramón Girón denunciou que as persoas con enfermidade mental e as súas familias están a ser negativamente discriminadas na asignación de axudas públicas, polo que é preciso comezar a financiar os dereitos sociais deste colectivo.

O presidente incidiu no feito de que historicamente, a enfermidade mental foi asociada a un problema unicamente sanitario, o cal impediu que FEAFES Galicia recibise axudas sociais ata o 2013, ano no que a saúde mental foi incluída na carteira da Consellería de Traballo e Benestar. Isto supuxo un atraso para a federación de máis de 20 anos con respecto a outras discapacidades, non recibindo financiamento para as necesidades sociais do colectivo e non podendo implementar políticas integrais para súa atención. 

Ademais, o presidente de FEAFES Galicia deixou clara a diferenza entre enfermidade mental e discapacidade intelectual, sinalando que a confusión que adoita existir entre os dous termos xerou moitos obstáculos e pechou moitas portas ó noso colectivo.

41.533 persoas, moitas delas pobres

Xose Ramón Girón falou da alta incidencia que ten a enfermidade mental na nosa sociedade, xa que é a segunda causa de discapacidade en Galicia despois da física e a que máis creceu nos últimos anos, pasando de 19.900 persoas censadas no 2006 a 41.533 no 2014. Trátase tamén dunha das enfermidades que máis carga asistencial e familiar xera (no 80% dos casos, os únicos coidadores das persoas diagnosticadas son os seus familiares), e aínda así, é unha enfermidade totalmente invisible.  

Ademais, Girón destacou que as persoas con trastorno mental son un colectivo basicamente pobre. Os primeiros brotes da enfermidade adoitan aparecer na adolescencia, rompendo por completo o programa vital das persoas que a padecen e o dos seus familiares, e cando se produce a “quebra do coidador”, as persoas diagnosticadas quedan completamente desprotexidas e abocadas á exclusión e á pobreza. A isto débese o elevadísimo número de casos de enfermidade mental que existe entre as persoas sen fogar, os reclusos ou as persoas tuteladas pola Funga.

Falta de atención

Das máis de 41.500 persoas con enfermidade mental que hai en Galicia, FEAFES tan só atende a 8.600. Xosé Ramón Girón resaltou que esta cifra é alarmantemente pequena e que está moi por debaixo da atención a outras discapacidades, que cobren o 100% do seu colectivo. 

Tamén indicou que durante a crise produciuse un aumento no censo de persoas con enfermidade mental, pero que na maioría dos casos débese a unha necesidade económica xa que os enfermos solicitan o certificado de minusvalía para poder acceder ás axudas por discapacidade.
Incidiu en que FEAFES Galicia trata de apoiar ós diagnosticados e ás súas familias en todas as facetas da súa vida para que poidan normalizarse e acadar a plena condición de cidadanía, pero a día de hoxe a entidade non conta co financiamento nin co persoal suficiente para facelo.

Girón tamén falou da existencia da “porta xiratoria”, unha dinámica na que entran os pacientes de saúde mental cando son dados de alta nos hospitais e, tras atopar que fóra carecen de apoio, recaen e volven ingresar. Girón referiuse ó “cuello de botella” que existe unha vez que os afectados se rehabilitan, posto que a inclusión social e o acceso ó emprego non son reais, polo que as recaídas convértense en habituais e, con cada unha delas, o paciente vai perdendo capacidades. 

comparecencia parlamento (2).JPG         comparecencia parlamento (1).JPG