O xoves 31 de xullo tivo lugar a renovación do convenio de colaboración entre FEAFES Galicia e o Concello de Santiago para o desenvolvemento do “Programa de Atención Integral a Persoas con Enfermidade Mental e as súas Familias en Santiago de Compostela”. A sinatura realizouse ás 13:40 no salón verde do Concello, a onde acudiron a Concelleira de Servizos Sociais, Mª José Corral López, e o presidente de FEAFES Galicia, Xosé Ramón Girón.
O obxectivo deste convenio non é outro que mellorar a situación da poboación con enfermidade mental e as súas familias e/ou coidadores na cidade de Santiago de Compostela e na súa comarca. Concretamente, búscase ofrecer servizos gratuítos que axuden a mellorar a calidade de vida deste colectivo, como o servizo de información e atención socio-familiar, servizo de asesoría xurídica especializada, servizo de ocio, deportes e respiro familiar, formación e inserción laboral, comunicación e sensibilización, atención a persoas en centros peniteciarios, atención a persoas sen fogar, centros de rehabilitación psicosocial e laboral e alternativas de vivenda.
Todos estes servizos permiten que as persoas con enfermidade mental logren unha maior autonomía na súa vida diaria, teñan unha mellor adherencia ó tratamento, adquiran unha maior conciencia da enfermidade, recuperen as habilidades cognitivas e melloren as súas habilidades sociais. Ademais, deste programa non só se benefician as persoas afectadas senón que tamén resulta proveitoso para os seus familiares, os profesionais do ámbito da saúde mental e a sociedade en xeral.
Previsións e actividades programadas
Durante o 2013, o número total de usuarios atendidos por FEAFES Galicia en Santiago e comarca foi de 319 persoas, realizando un total de 1.965 seguimentos. A previsión para o 2014 é atender a 350 novas persoas e polo tanto aumentar os seguimentos a 2.100. Os servizos onde se agarda un maior número de usuarios son o de Asesoría Xurídica Especializada e a liña 300 de Atención Telefónica Gratuíta.
Ademais, dentro deste programa están previstas unha serie de accións formativas como “Psicoeducación para persoas con enfermidade mental: identificación e manexo da sintomatoloxía”, “Psicoeducación para familiares de persoas con enfermidade mental: identificación e adquisición de habilidades para o manexo da enfermidade”, “ Programa de familias: de cara ao apoio á integración sociolaboral” e “Obradoiro de desenvolvemento da Autoestima para persoas con Enfermidade Mental”.
Por último, no campo da sensibilización realizaranse unha serie de accións coa fin de loitar contra o estigma que sofren as persoas con enfermidade mental. Neste eido, FEAFES Galicia continuará co desenvolvemento da campaña Mentalízate en institutos de Educación Secundaria, informando ós alumnos e profesores sobre as enfermidades mentais e como previlas. Igualmente, realizaranse accións de formación en materia de saúde mental para distintos colectivos interesados.