O pasado xoves 24 de setembro tivo lugar en Santiago de Compostela a Asemblea Xeral de FEAFES Galicia na que se elixiu aos membros da Xunta Directiva que estarán ao fronte da entidade durante os vindeiros catro anos. A xuntanza tivo lugar no Edificio Cersia e reuniu aos representantes das distintas asociacións que conforman a federación galega de saúde mental.
A candidatura que se postulou á presidencia da entidade e que foi elixida para tal labor está composta polo mesmo equipo que presidiu a entidade os últimos catro anos. Deste xeito, para o vindeiro cuadrienio, a Xunta Directiva de FEAFES Galicia queda composta por:
-Presidente: Xosé Ramón Girón (A Creba)
-Vicepresidente: Manuel Fernández (Alume)
-Secretaria: Mª Mar Piñeiro (Fonte da Virxe)
-Tesoureiro: Félix Pena (Afaes Porta Nova)
Este equipo transmitiu a súa intención de seguir loitando, xunto aos demais compañeiros da Federación, polos dereitos das persoas con enfermidade mental e os seus familiares ata conseguir que o colectivo ocupe o lugar que se merece na Comunidade Autónoma de Galicia.