No mes de novembro, FEAFES Galicia levará a cabo un curso en colaboración coa Unidade de Tabaquismo da USC para concienciar acerca dos efectos nocivos que ten o tabaco na saúde física e mental, así como os beneficios do seu abandono e as falsas crenzas que existen en torno a este tema.
Baixo o nome “O tabaco, os fumadores e como deixar de fumar”, o curso desenvolverase ó longo de dúas horas e estará dirixido a persoas con enfermidade mental. Con data e lugar aínda por confirmar, terá lugar na primeira quincena de novembro en Santiago de Compostela.
O curso estará impartido por Úrsula Martínez Pradela, da Unidade de Tabaquismo e Condutas Aditivas da USC, e Raquel León Lamela, do Servizo de Atención Psicolóxica de FEAFES Galicia. Entre os temas que se abordarán falarase dos compoñentes básicos do tabaco, os seus efectos na saúde física e mental, a dependencia da nicotina, a relación do tabaco co café e os síntomas da adicción.
Tamén falarase das vantaxes e desvantaxes que ten deixar de fumar e achegaranse certas pautas para facelo. As crenzas erróneas sobre o tabaco, os efectos nos fumadores pasivos e as recaídas son outros dos temas que se abordarán, tratando de achegar a información de xeito cercano para que os participantes poidan aportar a súa experiencia e visión.