Skip to main content
Novas

Feafes Galicia sensibiliza sobre saúde mental 475 estudantes de toda a comunidade

By 25 de Xuño de 2012Novembro 13th, 2022No Comments

mentalizatelugo_peque.jpg

A Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (Feafes) acaba de finalizar a campaña Mentalízate para o curso escolar 2011-2012, que ten como obxectivo informar e sensibilizar adolescentes e mozos sobre a saúde mental. A iniciativa levouse a cabo entre o 21 de marzo e o 11 de xuño, con 13 visitas a sete institutos de toda Galicia, nas cidades de Santiago, Ourense, Lugo e A Coruña.

En total, a campaña chegou a 475 estudantes de toda a comunidade autónoma. En concreto, Feafes estivo no Colexio Compañía de María (Santiago de Compostela), o CPR Plurilingüe María Auxiliadora e o CIF Portovello (Ourense), o CPR La Inmaculada e IES Sanxillao (Lugo) e o IES Fernando Wirtz (A Coruña). Ademais, impartiuse unha charla a alumnos do Instituto Montserrat Roig de Terrassa (Barcelona), xa que un grupo de estudantes deste centro realizou unha visita á nosa entidade nunha viaxe para coñecer os recursos sociais existentes na nosa zona.

Ademais de concienciar e sensibilizar, a iniciativa procura que os rapaces coñezan a relación entre condutas de risco e enfermidades mentais e melloren a súa actitude cara ás persoas con estas doenzas e cara aos seus familiares e achegados. Esta campaña foi deseñada por Feafes Castela e León e recoñecida con varios premios: Obra Social Caixa Madrid, Premios Toda Una Vida Para Mejorar e Premio Jaime Albert Solana. Dende febreiro de 2008, a súa execución xeneralizouse a todo o territorio estatal, despois de que se beneficiasen da campaña xa máis de 24.000 mozos.

Dentro desta iniciativa, Feafes Galicia realizou actividades en institutos de Santiago, A Coruña, Lugo e Ourense. Por outra banda, varias asociacións integradas na federación tamén impartiron charlas noutros centros educativos. Así, Lenda estivo en Redondela e Vigo, Lar en Vilagarcía de Arousa, A Mariña en Burela, Portanova en Ferrol e Narón e Doa en Vigo.

As charlas nos institutos realizáronse dende marzo ata finalizar o curso escolar, impartidas por traballadores da federación e das asociacións e nelas entregóuselles aos alumnos materiais da campaña, como marcapáxinas, postais ou carteis.

Esta campaña dirixida aos mozos ten como obxectivo promover a saúde mental a través do fomento de hábitos e estilos de vida saudables e a prevención da enfermidade mental centrada en concienciar os mozos sobre o risco do consumo de tóxicos (especialmente alcohol e cannabis). Ademais, a iniciativa tamén permite sensibilizar e concienciar os docentes dos centros educativos. 

Por outro lado, é necesario destacar que os alumnos que participan nas charlas realizan un test de coñecementos antes e despois da actividade. Os resultados demostran que tras recibir o relatorio os seus coñecementos sobre saúde mental melloran notablemente e erradican os conceptos erróneos.
Para o próximo curso escolar, Feafes Galicia volverá repetir a campaña Mentalízate en institutos de toda a comunidade autónoma. De feito, hai varios colexios que xa realizaron solicitudes.

A Organización Mundial da Saúde declarou que a falta dunha boa saúde mental nas primeiras etapas da vida pode provocar enfermidades mentais a longo prazo, que acompañarán á persoa en toda a súa existencia. Actualmente, calcúlase que polo menos o 20% dos adolescentes e mozos de todo o mundo teñen unha enfermidade mental.

Os problemas de saúde mental non só deben ser resoltos dende o tratamento e a rehabilitación. Tamén é necesario insistir no deseño de actuacións de promoción da saúde mental e prevención dos trastornos mentais dende unha óptica intersectorial e multidisciplinar. O ámbito educativo é fundamental para o desenvolvemento destas actuacións, non obstante, cabe destacar a escaseza de accións específicas de promoción da saúde mental e prevención de trastornos mentais que se realizan neste ámbito.

A campaña Mentalízate pretende paliar esta escaseza e converterse nun medio para promover os hábitos de vida saudables, o coñecemento das enfermidades mentais, a súa relación co consumo e ademais traballar posibles estigmas vinculados á enfermidade mental.