A Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (Feafes) vén de poñer en marcha a campaña Mentalízate, que ten como obxectivo informar e sensibilizar a adolescentes e mozos sobre a saúde mental. Ademais de concienciar, a iniciativa procura que os rapaces coñezan a relación entre conductas de risco e enfermidades mentais e melloren a súa actitude cara as persoas con estas doenzas e cara os seus familiares e achegados.
Esta campaña foi deseñada por Feafes Castilla y León e recoñecida con varios premios: Obra Social Caja Madrid, Premios Toda Una Vida Para Mejorar e Premio Jaime Albert Solana. Dende febreiro de 2008, a súa execución xeneralizouse a todo o territorio estatal, despois de beneficiarse da campaña xa máis de 24.000 mozos.
Dentro desta iniciativa realizaranse actividades en institutos de Santiago, A Coruña, Lugo e Ourense. Por outra banda, varias asociacións integradas na federación tamén impartirán charlas noutros centros educativos da comunidade autónoma. Así, Lenda traballará en Redondela e Vigo, Lar en Vilagarcía de Arousa, A Mariña en Burela, Portanova en Ferrol e Narón e Doa en Vigo.
As charlas nos institutos realizaranse durante o curso escolar, ata finais do mes de xuño. As ponencias serán impartidas por traballadores da federación e das asociacións e nelas entregarase aos alumnos materiais da campaña, como marcapáxinas, postais ou carteis. Ademais, alguna das asociacións organizou algunha iniciativa a maiores, como murais ou actividades deportivas.
Os institutos de toda Galicia que estean interesados en incorporarse á campaña Mentalízate pódeno facer poñéndose en contacto con Feafes Galicia a través do número de teléfono 981 554 395.
Esta campaña dirixida aos mozos ten como obxectivo promocionar a saúde mental a través do fomento de hábitos e estilos de vida saudables e a prevención da enfermidade mental centrada en concienciar aos mozos sobre o risco do consumo de tóxicos (especialmente alcohol e cannabis).
A Organización Mundial da Saúde declarou que a falta dunha boa saúde mental nas primeiras etapas da vida pode provocar enfermidades mentais a longo prazo, que acompañarán a persoa en toda a súa existencia. Actualmente, calcúlase que polo menos o 20% dos adolescentes e mozos de todo o mundo teñen unha enfermidade mental.
Os problemas de saúde mental non só deben ser resoltos dende o tratamento e a?rehabilitación. Tamén é necesario insistir no deseño de actuacións de promoción da?saúde mental e prevención dos trastornos mentais dende unha óptica intersectorial e?multidisciplinar. O ámbito educativo é fundamental para o desenvolvemento destas actuacións, non obstante, cabe destacar a escaseza de accións específicas de promoción da saúde mental e prevención de trastornos mentais que se realizan neste ámbito.
A campaña Mentalízate pretende paliar esta escaseza e converterse nun medio?para promover os hábitos de vida saudables, o coñecemento das enfermidades?mentais, a súa relación co consumo e ademais traballar posibles estigmas vinculados á enfermidade mental.