Skip to main content
Novas

Feafes Galicia sensibiliza sobre saúde mental a máis de 2.500 estudantes de toda a comunidade

By 21 de Febreiro de 2013Novembro 13th, 2022No Comments

Foto_Mentalizate_Stgo.jpg

A Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (Feafes) está a levar a cabo dende este mes de febreiro a campaña Mentalízate, que ten como obxectivo informar e sensibilizar a adolescentes e mozos sobre a saúde mental e loitar contra o estigma asociado a estas doenzas. Ademais de concienciar, a iniciativa procura que os rapaces coñezan a relación entre conductas de risco e enfermidades mentais e melloren a súa actitude cara as persoas con estas doenzas e cara os seus familiares e achegados.

Esta campaña foi deseñada por Feafes Castilla y León e recoñecida con varios premios: Obra Social Caja Madrid, Premios Toda Una Vida Para Mejorar e Premio Jaime Albert Solana. Dende febreiro de 2008, a súa execución xeneralizouse a todo o territorio estatal, despois de beneficiarse da campaña xa máis de 24.000 mozos.

Dentro desta iniciativa, ao longo deste curso escolar realízanse actividades en 54 institutos das catro provincias galegas, chegando a máis de 2.500 estudantes. Feafes Galicia estará presente en Lugo, A Coruña, Ourense, Santiago e Vigo. Ademais, as asociacións integradas na federación tamén imparten talleres noutros centros educativos da comunidade autónoma. Así, Lar traballará en Vilagarcía de Arousa; A Mariña en Burela; Afaes Portanova en Ferrol e Narón; Doa en Vigo; Alba en Pontevedra e Andaina en Oroso, Padrón e Ordes.

A implementación da campaña realízase durante o curso escolar. As ponencias son impartidas por traballadores do movemento asociativo e nelas entregarase aos alumnos materiais da campaña, como carpetas ou carteis, impresos grazas á colaboración da Deputación da Coruña.

Testemuños de persoas con enfermidade mental
Así mesmo, nesta segunda edición da campaña Mentalízate inclúese unha importante novidade. Ademáis da información ofrecidas polos técnicos de Feafes Galicia, as charlas contan con testemuños de persoas con enfermidade mental que contan de primeira man a súa experiencia e que poden responder ás preguntas dos estudantes.

Os institutos de toda Galicia que estean interesados en participar na campaña Mentalízate aínda o poden facer poñéndose en contacto con Feafes Galicia a través do número de teléfono 981 554 395.

Esta campaña dirixida aos mozos ten como obxectivo promocionar a saúde mental a través do fomento de hábitos e estilos de vida saudables e a prevención da enfermidade mental centrada en concienciar aos mozos sobre o risco do consumo de tóxicos (especialmente alcohol e cannabis).

A Organización Mundial da Saúde declarou que a falta dunha boa saúde mental nas primeiras etapas da vida pode provocar enfermidades mentais a longo prazo, que acompañarán a persoa en toda a súa existencia. Actualmente, calcúlase que polo menos o 20% dos mozos de todo o mundo teñen unha enfermidade mental.

Os problemas de saúde mental non só deben ser resoltos dende o tratamento e a rehabilitación. Tamén é necesario insistir no deseño de actuacións de promoción da saúde mental e prevención dos trastornos mentais dende unha óptica intersectorial e multidisciplinar. O ámbito educativo é fundamental para o desenvolvemento destas  actuacións, non obstante, cabe destacar a escaseza de accións de promoción da saúde mental e prevención de trastornos mentais que se realizan neste ámbito.

A campaña Mentalízate pretende paliar esta escaseza e converterse nun medio para promover os hábitos de vida saudables, o coñecemento das enfermidades mentais, a súa relación co consumo e ademais traballar posibles estigmas vinculados á enfermidade mental.