Skip to main content

Un ano máis, as entidades do terceiro sector de acción social estamos a desenvolver a campaña do X Solidario, unha iniciativa coa que animamos ós contribuíntes a que decidan que queren facer cunha pequena parte dos impostos que se recadan a través do IRPF. 

Este ano, o Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade cambiou o nome do recadro que coñeciamos como “Fins Sociais” por “Actividades de Interese Xeral consideradas de Interese Social”. Marcando esta opción, que non exclúe marcar o recadro da Igrexa Católica, os contribuíntes destinan o 0’7% dos seus impostos a proxectos sociais levados a cabo por entidades sen ánimo de lucro, sen ter que pagar máis cartos por elo e sen recibir despois unha devolución menor.

Entre os colectivos máis beneficiados pola subvención do IRPF do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, sustentada economicamente pola contribución do 0’7% das persoas que pagan o IRPF, atópanse as persoas con discapacidade, as persoas maiores e a infancia. 

Grazas a esta aportación, as asociacións que integran FEAFES Galicia levan a cabo varios programas que axudan a mellorar a calidade de vida das persoas con enfermidade mental, das súas familias e dos seus coidadores. O último ano, FEAFES Galicia recibiu unha inversión total de 176.941 euros procedentes da asignación a Fins Sociais do IRPF.

O proxecto que máis recursos recibiu a través desta axuda foi o Programa de Atención Domiciliaria, que facilita apoios para a integración e o acceso das persoas con enfermidade mental aos recursos socio-comunitarios co obxectivo de manter unha calidade de vida digna. 

Ademais, as asociacións federadas en FEAFES Galicia executaron tamén o Programa de Intervención Familiar que inclúe as Escolas de Familias e os grupos de autoaxuda, do mesmo xeito que levaron a cabo o Programa PAIEM de Rehabilitación de persoas con Enfermidade Mental Crónica recluídas en centros penitenciarios de toda Galicia. 

Os cartos destinados a FEAFES Galicia recadados a través do cadro de Fins Sociais tamén permitiu contar cun orzamento para o Programa de respiro familiar, co que se financian actividades de ocio para persoas con enfermidade mental que supoñen un descanso nas tarefas dos coidadores. O Programa de promoción e formación do voluntariado foi outro dos que se beneficiaron desta axuda.

Dende FEAFES Galicia queremos fomentar que a cidadanía contribúa cos seus impostos de maneira activa e solidaria a mellorar a calidade de vida de moitas persoas e a loitar contra a exclusión social.  

feafes galicia e x solidario.JPG