Skip to main content

Vigoentrena Fit é un centro de adestramento persoal especializado que deseña programas de actividade física saudable adaptados ás características individuais de cada persoa. Este centro favorece a inclusión de distintos colectivos a través de actividades deportivas, lúdicas e educativas coa intención de proporcionar oportunidades a persoas que viven en situación de exclusión social ou que atopan dificultades para adaptarse ás estruturas educativas tradicionais. 

Neste senso, o centro deportivo colabora con FEAFES Galicia na promoción do exercicio entre persoas con enfermidade mental, ofrecendo ós nosos usuarios un catálogo de actividades físicas encamiñadas a mellorar a súa autonomía e as súas habilidades sociais. Trátase dunha colaboración totalmente altruísta realizada por persoal cualificado, que elabora programas específicos adaptados ás características e necesidades deste colectivo.

Os principais servizos que presta Vigoentrena Fit son acondicionamento físico, rehabilitación e readaptación, actividades de deportes no exterior e outras actividades adaptadas ás necesidades do colectivo.  As actividades teñen lugar nas instalacións situadas na rúa Celso Emilio Ferreiro nº 11, e cando as condicións atmosféricas o permiten trasládanse a espazos exteriores como a praia ou o parque de O Castro para favorecer o contacto co medio natural.

Coa fin de levar un seguimento dos usuarios, Vigoentrena Fit realiza cuestionarios previos de saúde e valoracións da condición física ó inicio do programa; así, a medida que pasa o tempo, pódese analizar e valorar a evolución de cada persoa en base a uns obxectivos de mellora e de saúde marcados. 

A través da colaboración con Vigoentrena Fit, FEAFES Galicia complementa as actividades de ocio e deportes que xa levan a cabo a entidade e as súas asociacións, permitindo ademais un respiro ós familiares que se encargan diariamente do coidado das persoas con enfermidade mental.

vigoentrena.png