Skip to main content
Durante o 2015, FEAFES Galicia está a continuar co traballo iniciado o ano pasado no marco do “Proxecto Inclusión Social: Programa de Atención Integral para Persoas con Discapacidade a causa de Enfermidade Mental” subvencionado pola Consellería de Traballo e Benestar no marco do Plan Galego de Inclusión Social, e cofinanciado polo Fondo Social Europeo (FSE) no marco do Programa Operativo FEDER/FSE de Galicia 2014-2020.
Este proxecto responde á necesidade de actuar contra a vulnerabilidade, as barreiras e o illamento social que sofren as persoas con enfermidade mental, situacións que fan deste colectivo un grupo especialmente desprotexido. FEAFES Galicia considera que é necesario levar a cabo estratexias de protección que favorezan unha vida digna para estas persoas no seo da comunidade do xeito o máis autónomo e participativo posible.
O “Programa de Atención Integral para Persoas con Discapacidade a causa de Enfermidade Mental” trata de dar resposta á situación que atravesa este colectivo en Galicia, atendendo ás súas necesidades e demandas e facilitando o apoio e acompañamento social necesario para unha axeitada inclusión e reinserción sociolaboral.
Neste senso, o programa centrarase en tres actuacións concretas:

Proxecto de desenvolvemento de habilidades sociais e prelaborais para persoas con enfermidade mental:

Consiste en poñer en marcha un sistema de intervención baseado no asesoramento, acompañamento, formación e orientación laboral de persoas con enfermidade mental que sexan demandantes de emprego e estean en situación especial de vulnerabilidade ou risco de exclusión social. Este programa pretende favorecer a integración sociolaboral destes usuarios mediante o deseño de itinerarios individualizados para cada un deles. 

Proxecto de apoio e acompañamento social para persoas sen fogar con enfermidade mental: 

Trátase de levar a cabo un sistema de intervención baseado na información, acompañamento e orientación sociocomunitaria de persoas con enfermidades mentais e sen teito que estean en situación de especial vulnerabilidade ou risco social. O obxectivo deste programa é favorecer a súa calidade de vida e progresiva integración social a través de itinerarios personalizados. 

Proxecto de apoio e acompañamento social para persoas con enfermidade mental tuteladas pola FUNGA:

Actualmente, o 25% das persoas tuteladas pola Fundación Galega para a Tutela de Adultos (FUNGA) ten como causa única padecer unha enfermidade mental. Este proxecto pretende achegarse e coñecer a realidade do colectivo de persoas tuteladas con enfermidades mentais graves, ofrecer apoio social e acompañamento, facilitar a súa reinserción social e promover un modelo de cooperación e colaboración entre diferentes entidades públicas e privadas coa fin de favorecer unha atención integral do colectivo.