Skip to main content
Novas

Feafes Galicia visita a empresa Moltacte, unha iniciativa innovadora, solidaria e transformadora

By 2 de Xullo de 2012Novembro 13th, 2022No Comments

moltacte1.jpgmoltacte2.jpg

Feafes Galicia visitou o pasado 15 de xuño as instalacións da empresa catalá Moltacte, un centro especial de emprego que conta no seu equipo con 15 persoas con enfermidade mental.

O xerente de Moltacte, Miguel Isanta, participou o pasado mes de decembro nas III Xornadas de Emprego e Saúde Mental de Feafes Galicia en Vigo, para compartir a iniciativa cos asistentes. Moltacte é moito máis que unha cadea de tendas outlet. É un proxecto centrado nas persoas, desenvolvido en colaboración cunha serie de prestixiosas marcas de moda e que aposta por harmonizar valores sociais, económicos e comerciais.

Moltacte é tamén un convite a cambiar o noso xeito de entender as cousas e a compartir unha experiencia que mellora a vida das persoas. Por iso, a coordinadora do Servizo de Orientación Laboral e un técnico de emprego de Feafes Galicia viaxaron ata Barcelona para coñecer o proxecto de preto, empaparse da iniciativa co obxectivo de poder replicar o modelo na nosa comunidade autónoma.

Moltacte é un centro especial de emprego que se diferencia dos demais en que está situado nunha zona urbana, integrados na comunidade e os seus empregados traballan de cara ao público. Contan con tres establecementos de roupa outlet (dous en Manresa e un en Sant Boi) e venden marcas de primeira calidade, tanto para nenos coma para mulleres. Os empregados, ademais de atender ao público, realizan tarefas de almacén, cobramento e ofrecen unha atención totalmente individualizada e personalizada aos clientes. Moltacte rompe prexuízos e abre mercado.

Por outro lado, Moltacte tamén asinou un convenio coa Generalitat de Cataluña polo cal os traballadores da empresa son “personal shopper” de nenos tutelados, aconsellándoos á hora de vestirse coas pezas de primeira calidade, que se venden nas súas tendas.

Con esta visita a Moltacte, Feafes Galicia pretende colaborar para que este proxecto se poida replicar e que persoas con enfermidade mental teñan unha nova oportunidade de acceso a un traballo digno, ademais de ofrecer a posibilidade de comprar marcas cunha alta calidade.

Durante a visita á empresa, o que máis chamou a atención aos representantes de Feafes Galicia é a versión dos traballadores de Moltacte. Para eles, “é unha oportunidade de vida, un camiño cara á rehabilitación, que lles permite sentirse útiles e que parte da comunidade,”.