Skip to main content

Dende agora, FEAFES Galicia xa forma parte da AESE, Asociación Española de Emprego con Apoio. O obxectivo desta entidade é impulsar o emprego con apoio como medio para que as persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social poidan acceder con éxito ó mundo laboral integrado, e, así, sexan recoñecidos na práctica como cidadáns con todos os seus dereitos.

A través do seu traballo, a AESE asesora a organizacións e entidades para poñer en marcha novos proxectos de Emprego con Apoio ou para que poidan resolver problemas de funcionamento, velando pola calidade dos servizos e a correcta utilización deste sistema.

Ademais, realiza accións formativas e ofrece ferramentas ós seus membros para avaliar a calidade dos servizos ou para reunir e difundir información. Tamén traballa na elaboración de propostas de cambio normativo que faciliten a inclusión laboral das persoas con discapacidade no sistema regular de traballo, e establece relacións entre xente e organizacións difundindo na sociedade a cultura do Emprego con Apoio e do Emprego Integrado.

Os colectivos cos que traballa a AESE son persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social que estean en busca activa de emprego no mercado ordinario de traballo. A asociación tamén ten como destinatarios ás súas familias ou titores e ás organizacións que defenden os dereitos destas persoas, para que se decidan a facilitarlles camiños de inclusión real e de participación activa na comunidade a través dun emprego integrado, como os demais cidadáns.

A partir de agora, FEAFES Galicia beneficiarase do apoio e axuda que ofrece esta asociación para favorecer unha integración laboral real e de calidade do colectivo de persoas con enfermidade mental.

Podes consultar o Boletín de Noticias da AESE que inclúe, na páxina 9, unha noticia sobre a incorporación de FEAFES Galicia á entidade.

empleo con apoyo aese.jpg