A Confederación FEAFES, xunto coa Fundación Astrazeneca puxo en marcha por segundo ano consecutivo a campaña “A saúde mental tamén vai contigo”, unha iniciativa que arrancou o ano pasado e que persegue a erradicación do estigma que acompaña aos trastornos mentais a través da concienciación da sociedade.
Máis de 50 entidades da rede FEAFES de 12 Comunidades Autónomas repartirán postais que levan como motivo principal a fotografía gañadora do I Concurso de Fotografía Imaxes cotiás da Saúde Mental. Sonos e Realidades organizado por FEAFES e na súa parte posterior unha serie de recomendacións co fin de que o destinatario da tarxeta se formule se coida a súa saúde mental.
A iniciativa desenvolverase fundamentalmente en espazos sanitarios e/ou culturais (centros de saúde, centros de especialidades, complexos hospitalarios, centros culturais, bibliotecas, centros cívicos…) onde se instalarán mesas informativas e se distribuirán os materiais.
Ademais, imprimíronse máis de dous mil pósteres que ilustran a campaña e que serán colocados nos puntos de información co fin de que a xente poida identificar con facilidade o lugar e o motivo do desenvolvemento da campaña en cada implantación.
O presidente de FEAFES, José María Sánchez Monge, explicou que “o principal motivo da campaña é o de concienciar a sociedade en xeral que calquera pode verse afectado por unha enfermidade mental nalgún momento da súa vida”. Por iso “descansar correctamente, practicar deporte, evitar o consumo de tóxicos ou fomentar as relacións sociais” son algunhas das recomendacións que se dan. En definitiva, deféndense “uns hábitos de vida saudables que repercutan nunha boa saúde mental”.
O deseño da postal
A imaxe da campaña será o traballo que obtivo o premio do I Concurso de fotografía Imaxes cotiás da Saúde Mental. Sonos e Realidades sobre Enfermidade Mental que convocou FEAFES e que o pasado 8 de outubro recibiu o fotógrafo navarro José Luis Pujol.
Ademais, no reverso da postal inclúense unha serie de recomendacións que pretenden que a persoa que reciba a tarxeta reflexione sobre se coida correctamente e mantén uns hábitos de vida saudables que preveñan a aparición de trastornos mentais.