Skip to main content

A delegación viguesa da Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia, FEAFES, realiza esta tarde un acto para clausurar a III edición do Proxecto Prácticum de formación laboral para persoas con enfermidade mental.

Este proxecto, cofinanciado pola Deputación de Pontevedra, fomenta a realización de prácticas non laborais en empresas por parte de persoas con enfermidade mental. Grazas a el, este colectivo pode mellorar as súas competencias laborais, acostumarse a un entorno de traballo e coñecer de primeira man un posto concreto. As empresas, pola súa banda, teñen a posibilidade de ver cómo traballan estas persoas e desfacer os prexuízos que poida haber á hora de valorar a contratación dunha persoa con enfermidade mental.

Este ano, participaron no Proxecto Prácticum un total de 15 persoas con enfermidade mental, todos eles usuarios do Servizo de Inserción Laboral de FEAFES Galicia na provincia de Pontevedra.

No acto, que terá lugar ás 17:00 na sede da Deputación de Pontevedra en Vigo (Rúa Oporto nº3), estarán a Deputada do Servizo de Acción Social, Marta Iglesias, e o director de FEAFES Galicia, Antonio Hernández. Ademais, contaremos coa presenza de representantes das empresas colaboradoras Aciresa, Limpiezas Lei, Imáspe e Decathlon.

Durante o acto, realizarase unha mesa redonda na que participará Benito Gómez, xerente de Imáspe, e dous beneficiarios do Proxecto Prácticum que nos contarán a súa experiencia, un deles como conserxe na empresa Limpiezas Lei e outro como repartidor na empresa Imáspe. A continuación, os 15 participantes no proxecto recibirán un diploma acreditativo.

En Galicia hai máis de 41.000 persoas con certificado de discapacidade por enfermidade mental, segundo o censo da Consellería de Traballo e Benestar . De todas elas, menos do 5% teñen un emprego estable, e case a metade deles asegura ter sufrido algún tipo de discriminación laboral. Por ese motivo, traballar por unha boa inserción laboral deste colectivo e unha formación axeitada é un tarefa fundamental que pretende impulsar FEAFES Galicia a través de proxectos coma este.

Cabe destacar que a raíz da III edición do Proxecto Prácticum, lográronse dúas insercións laborais como persoal de limpeza no Centro Especial de Emprego Limpiezas Lei. 

IMG_2045 - copia.JPG     IMG_2044 - copia.JPG