Skip to main content
O pavillón Campo da Serra de Narón foi, o pasado venres, escenario do X Campionato de Tenis de Mesa organizado pola asociación Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal e pola federación Saúde Mental FEAFES Galicia. Tratouse dun encontro lúdico e deportivo no que participaron oito entidades de saúde mental procedentes de toda a comunidade autónoma.
Ao redor de 50 xogadores das asociacións Alba, Alume, Andaina, APEM, DOA Saúde Mental, Saúde Mental FEAFES Galicia e Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal, trasladáronse ata a comarca ferrolá para gozar desta xornada. A eles sumáronse un grupo de acompañantes que gozaron do evento desde as bancadas.
O torneo comezou ás 9:30 da mañá e foi ao redor das 13:30 cando se proclamou campión Manuel Aneiros, pertencente á asociación anfitrioa Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal. O segundo lugar ocupouno o seu compañeiro de asociación Nicolás Rey, mentres que o terceiro posto foi compartido entre José Luís Sánchez, de Saúde Mental FEAFES Santiago, e José Manuel Pouso, de Saúde Mental FEAFES Vigo. 
Os trofeos, realizados no taller de madeira da asociación, foron entregados por Carlos Pita, responsable de Drop In Surfshop; José Oreona, concelleiro de Deportes de Narón; e Catalina García, concelleira de Participación Cidadá e Benestar Social de Narón. A maiores dos trofeos que recibiron os campións, todos os asistentes foron agasallados cunha medalla para premiar a súa participación, as cales foron entregadas por Divina Amenedo, directora de Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal; José Mauriz, representante da devandita asociación no Comité en 1ª Persoa de Saúde Mental FEAFES Galicia; e Enrique Castro, Coordinador de Desenvolvemento Asociativo de Saúde Mental FEAFES Galicia. 
O Campionato de Tenis de Mesa ten como obxectivo promover o deporte en igualdade, impulsar a actividade física entre as persoas con problemas de saúde mental e loitar contra o estigma social que sofre este colectivo. A través deste torneo, as asociacións de Saúde Mental FEAFES Galicia mostran á sociedade a imaxe máis positiva das persoas con problemas de saúde mental, combatendo de modo activo os estereotipos negativos e os falsos prexuízos que se lles asocian.