Skip to main content
Máis de 30 entidades participaron no Programa Formativo de Comunicación que a Fundación Barrié, no seu programa Más Social, ofreceu durante os meses de maio e xuño de 2018.
Onte, púxose o broche final ao curso nunha emotiva xornada presentada polo creativo e docente da formación, Mario Pilarte e pola responsable do programa, Greta Fábregas. Durante a mañá, fíxose un repaso de todo o que supuxo o curso durante estes meses en canto a coñecementos adquiridos e experiencias vividas. 
Así mesmo, expuxéronse todos os traballos realizados, un total de 77 pezas entre carteis e vídeos, os cales foron sometidos á votación do público. De entre todos eles, o vídeo de FEAFES Galicia, realizado xuntamente con Avelaíña, obtivo o premio ao mellor vídeo segundo votación popular. O Coordinador de Desenvolvemento Asociativo de FEAFES Galicia, Enrique Castro, subiu a recoller o diploma en representación da entidade.
O vídeo realizado por FEAFES Galicia e Avelaíña xa fora elixido por Mario Pilarte e Greta Fábregas como premiado ao finalizar o curso, grazas ao cal, FEAFES Galicia tivo a oportunidade de acceder a unha nova acción formativa sobre vídeo participativo que se está a realizar durante os meses de outubro e novembro na asociación Doa. 
O Programa Formativo de Más Social Comunicación ten como obxectivo mellorar as habilidades de xestión da comunicación das ONL cara a un enfoque máis profesional e por obxectivos, así como capacitar en competencias técnicas avanzadas para a creación e publicación de contidos (fotografías, carteis, infografías, vídeos, etc.) de carácter social.