Skip to main content

100 persoas con discapacidade por un problema de saúde mental melloraron a súa empregabilidade grazas ao Programa Integrado de Emprego de Saúde Mental FEAFES Galicia 2023/2024

O pasado 12 de novembro rematamos o noso Programa Integrado de Emprego de Saúde Mental FEAFES Galicia. Esta iniciativa, financiada pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración ten por obxectivo mellorar a empregabilidade das persoas demandantes de emprego cunha discapacidade a causa dun problema de saúde mental.

Formamos para o emprego

O 13 de novembro de 2023 demos comezo ao Programa Integrado de Emprego de Saúde Mental FEAFES Galicia 2023/2024. A nosa meta era mellorar a empregabilidade das 100 persoas participantes nas provincias de A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra.

Para conseguilo, ofrecemos atención adaptada a cada participante. Elaboramos itinerarios personalizados de inserción nos que se inclúen accións de asesoramento, formacións incluídas no catálogo de especialidades do Servizo Público de Emprego Estatal, formacións en técnicas de coaching e en competencias dixitais, fomento da capacidade emprendedora, prospección empresarial e prácticas non laborais.

Ademais, o programa financiou becas de desprazamento, medidas de conciliación para facilitar o acceso ao emprego, a obtención de carnés profesionais, accións formativas ou medidas de apoio.

Este ano, realizamos un total de 360 horas de formacións do catálogo do Servizo Público de Emprego como técnicas administrativas, almacén, manipulación de alimentos, ofimática, control de accesos, limpeza, etc. Tamén ofrecemos 216 horas de formación prelaboral orientada a dotar ás persoas das habilidades  e competencias precisas para achegarse ao mercado laboral.

60% de inserción laboral

O emprego é un eixo de integración social e un piar para a autonomía. Pero as persoas cun problema de saúde mental teñen unha taxa de ocupación extremadamente baixa, un 17,5%. Os programas específicos coma este, premiten aumentar significativamente as opcións de inserción destas persoas, e así o mostran os resultados.

Este ano, o 60% das persoas participantes lograron un contrato laboral. O 41% deses contratos foi de máis de tres meses de duración. Ademais, 31 persoas realizaron prácticas non laborais en empresas, o que lles permitiu adquirir coñecementos específicos do posto dentro do funcionamento normal dunha empresa.

O apoio da Xunta de Galicia para o desenvolvemento destes programas é fundamental para mellorar os resultados do noso traballo. Así demóstrase que, cando se realizan programas específicos con profesionais especializados, as taxas de inserción son moito maiores. E así podemos seguir traballando para que as persoas cun problema de saúde mental poidan ter unha vida autónoma digna.