Skip to main content

4 mulleres e 3 homes cun problema de saúde mental participaron no programa Reinicia para mellorar a súa empregabilidade.

Esta semana rematamos o programa Reinicia: Capacitación e Empoderamento para a Inclusión Laboral que estabamos desenvolvendo desde xaneiro. Nel traballamos con 7 persoas con problemas de saúde mental en búsqueda activa de emprego.

O programa Reinicia está financiado pola Confederación SALUD MENTAL ESPAÑA, dentro da 3ª Convocatoria 2024/2025 da Estratexia da Empregabilidade para o Desenvolvemento de Competencias laborais, sensibilización e apoio en materia de emprego para as persoas con problemas de saúde mental e/ou discapacidade psicosocial.

 

Buscamos a inclusión laboral

O obxectivo deste programa é fomentar a capacitación e o apoderamento das persoas participantes para lograr a súa inclusión laboral. Durante tres meses elaboramos un itinerario sociolaboral aberto con cada persoa e formámolas para adquirir habilidades que as axuden na súa inserción laboral. A formación que ofertamos estructurarouse nun currículo modular presencial de 54 horas. Nel combinamos teoría e práctica para garantir unha aprendizaxe dinámica e útil.

O programa abarcou 6 módulos que cobriron áreas cruciais tanto para o desenvolvemento laboral como persoal. Entre as aprendizaxes abordadas estaban: habilidades prelaborais básicas, definición do obxectivo profesional e busca de emprego, habilidades sociais e autocoñecemento para o emprego, ferramentas e busca de emprego, alfabetización dixital básica e deritos sociais e humanos, ODS, perspectiva de xénero e igualdade.

 

Fomentamos a participación e a colaboración

A nosa metodoloxía adáptase ás necesidades de cada persoa e busca ser activa, participativa e inclusiva. Ao longo do proceso, combinamos clases teóricas con actividades prácticas e titorías personalizadas. Así, as persoas participantes puideron realizar simulacións de entrevistas laborais, practicar a creación de CVs, participar en talleres prácticos sobre ferramentas dixitais e recibir apoio específico para o seu desenvolvemento profesional.

Ademais, o programa Reinicia promove a integración social a través de titorías grupais. Nelas, as usuarias e usuarios comparten experiencias e estratexias para mellorar a súa busca de emprego. Estas titorías favoreceron un ambiente de colaboración e apoio mutuo, polo que cada persoa se sentiu acompañada no seu proceso.

 

Eliminamos as barreiras cara o emprego

O acceso ó emprego é un obxectivo con enormes dificultades para as persoas con problemas de saúde mental. O desemprego e a marxinación do mundo laboral son unha das maiores desvantaxes sociais que sofre este grupo de persoas.

Co programa Reinicia podemos seguir traballando para eliminar as barreiras e prexuízos existentes. As persoas con problemas de saúde mental están capacitadas para traballar e levar unha vida normalizada se lles dan oportunidades.

 

Coa colaboración de: