“Cerebro, artes, acción” é un proxecto ideado por Carlota Pérez, apoiado pola asociación Diversos e financiado polo Concello de Santiago. Nesta iniciativa reuníronse persoas de diversas asociacións relacionadas coa diversidade funcional, entre elas Fonte da Virxe, coas que se fixo un traballo no que a danza e o teatro axudou aos participantes a mellorar a interacción social. Dese traballo xurdiu, a través dun seguimento audiovisual levado a cabo pola realizadora Lara Bacelo, un documental que achega baixo unha mirada experimental a visión da autora sobre varios membros dese grupo.
No documental, a creadora quixo “fuxir das etiquetas”, evitando falar das dificultades ou das causas que os levaron a formar parte dese grupo. “Deixo a voz neles para que sexan os que describan ao espectador as súas personalidades dispares e o seu xeito de vivir en sociedade”, engadiu Lara Bacelo, quen asegura que “deixar que as voces que se escoiten sexan só as deles foi un acerto, porque dese xeito bríndolles todo o protagonismo coma o que son, persoas extraordinarias con ideas e soños propios e con todo o dereito a seren protagonistas das súas propias vidas”.
Espectáculo de danza
A idea do proxecto baseouse en que, a través do traballo artístico, creouse unha interconexión entre todas as alumnas e alumnos, ao mesmo tempo que se potenciaban as capacidades creativas de cada un deles. Non se traballou cun guión establecido, aínda que si coa idea da Torre de Babel como motor, dando unha nova visión a unha historia bíblica un tanto inconclusa.
O fío narrativo acompañouse de diferentes disciplinas artísticas que potenciaron o talento de cada persoa e a unión dos cinco sentidos como vía de comunicación humana. Buscouse a creación de espazos de comunicación e comprobouse como un mal uso dos nosos órganos sensoriais pode fomentar a violencia e a frialdade nas relacións humanas.
As persoas profesionais e responsables deste proxecto foron Carlota Pérez (idea orixinal e codirección artística), Jordi Cortes (codirección artística), Laura de Juan (creación audiovisual), Txon e Maika González (asesoramento e xestión) e Dora Pipo (dramaturxia).
Vía Concello de Santiago.