Skip to main content
Durante os vindeiros meses, un total de 20 persoas con dificultade de acceso ao emprego e pertencentes ao Programa Incorpora, financiado por Obra Social “la Caixa”, recibirán formación específica para capacitarse como auxiliares de dependente, caixa e reposición aumentando así as súas posibilidades de inserción laboral.
O curso, que conta cun total de 300 horas, está xestionado por FEAFES Galicia e desenvolverase na Coruña entre o 14 de marzo e o 13 de xuño. O seu obxectivo é capacitar aos alumnos para desempeñar tarefas profesionais no ámbito comercial que lles permita exercer diversas funcións en empresas de dito sector.
Ao longo dos tres meses que dura a formación, os alumnos adquirirán os coñecementos necesarios para realizar actividades auxiliares de venda, caixa, reposición e acondicionamento dos puntos de comercialización. Aprenderán, así mesmo, a ofrecer unha atención e información axeitada ao cliente, adaptándose aos requisitos propios dos traballos de cara ao público. 
A formación teórica será complementada con 80 horas de prácticas non laborais en empresas colaboradoras, onde os alumnos poderán poñer en práctica as facultades adquiridas e coñecer de primeira man o funcionamento das empresas do sector.
Ademais deste curso, as accións formativas levadas a cabo no marco do Programa Incorpora contemplan tamén outras dúas actuacións: un curso de Operario de Almacén que se realizará en Santiago de Compostela a partir do mes de abril e outro curso de Experto en Limpeza de Inmobles que se impartirá na Coruña a partir de setembro.
A través deste proxecto, a Obra Social “la Caixa” ten como finalidade a integración sociolaboral das persoas que son atendidas polo Programa Incorpora, buscando a súa capacitación para que estean máis preparadas á hora de inserirse no mundo laboral. Os Puntos de Formación Incorpora pretenden, deste xeito, mellorar a empregabilidade daquelas persoas que se atopan en risco de exclusión social e que non poden acceder a outras accións formativas.