As formacións que facilitamos no Servizo de Orientación Laboral de Saúde Mental FEAFES Galicia, melloran a empregabilidade das persoas con problemas de saúde mental.
Para as persoas con problemas de saúde mental, acceder a un traballo non é doado. O desemprego e a marxinación no mundo laboral son unha das maiores desvantaxes sociais que sofren estas persoas.
Para facer fronte a esta dificultade e dar resposta ás necesidades das persoas con problemas de saúde mental demandantes de emprego, Saúde Mental FEAFES Galicia conta cun servizo de Orientación Laboral desde o 2002. Este servizo, que realizamos grazas ó apoio da Xunta de Galicia e que está financiado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración; leva máis de 20 anos en funcionamento e está especializado en favorecer a inserción laboral das persoas demandantes de emprego que teñen algún problema de saúde mental. Este programa desenvólvese nas catro provincias Galegas: Ourense, Pontevedra, A Coruña e Lugo.
Atención integral centrada na persoa
Para mellorar a empregabilidade e a cualificación das persoas con problemas de saúde mental contamos con 10 profesionais no noso servizo de Orientación Laboral.
Atendemos a cada persoa usuaria dunha forma individualizada e integral, que inclúe desde o análise das motivacións e capacidades da persoa ata o acompañamento posterior no posto de traballo. O obxectivo final é o de alcanzar a inserción laboral conseguindo que máus dun 30% das persoas accedan ó mercado laboral.
Desde Saúde Mental FEAFES Galicia, temos claro que a formación é un elemento chave para poder conseguir un emrpego. O mercado laboral é un entorno moi competitivo e todas as persoas precisamos contar con formación adecuada para desenvolver con éxito a nosa labor. Por iso, dentro do itinerario individualizado de inserción, damos especial relevancia á aprendizaxe e facilitamos acceso ás formacións necesarias para aumentar as oportunidades laborais das persoas con problemas de saúde mental.
As nosas accións formativas
Unha das accións que reallizamos no Servizo de Orientación Laboral, consiste en traballar as habilidades dixitais, xa que son fundamentais no proceso de inclusión sociolaboral de calquera persoa. As persoas demandantes de emprego coas que traballamos teñen grandes dificultades nesta área. Por iso é necesario ensinarlles a mellorar o seu uso coas ferramentas dixitais e que se habitúen a un entorno dixital en constante evolución.
Ademais, tamén ofrecemos charlas nas que participan as empresas colaboradoras. Nestas conversas, as empresas contan de primeira man en que consisten os seus procesos selectivos, que cousas teñen en conta e que valoran. Deste xeito podemos achegar ás persoas usuarias a realidade do mercado laboral.
Tamén realizamos accións grupais de intercambios de experiencia onde as persoas que participan no programa de Orientación Laboral comparten as súas experiencias. Estas reunións teñen un carácter moi motivador. Mostran que é posible alcanzar un traballo e que este, de feito, mellora a súa calidade de vida e permite unha maior inclusión na comunidade.
A través destas formacións seguimos a traballar para eliminar as barreiras e prexuízos existentes. Demostrando que as persoas con problemas de saúde mental están capacitadas para traballar e poden levar unha vida normalizada se a sociedade lles ofrece unha oportunidade.