100 persoas con problemas de saúde mental participan este ano no Programa Integrado de Emprego, financiado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e o Servizo Público de Emprego Estatal.
Saúde Mental FEAFES Galicia inicia as presentacións grupais e as formacións de especialidades do catálogo do SEPE dentro do Programa Integrado de Emprego de Saúde Mental FEAFES Galicia 2025/26, financiado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia e o Servizo Público de Emprego Estatal.
O obxectivo deste programa é mellorar a empregabilidade e a inserción laboral das persoas traballadoras en situación de desemprego mediante a posta en marcha de programas integrados de emprego con intermediación laboral na comunidade autónoma de Galicia.
Este programa contempla o desenvolvemento de itinerarios personalizados de inserción que inclúen accións individualizadas e grupais para facilitar a adquisición de habilidades laborais que favorezan a inserción laboral das persoas participantes.
Iniciamos o programa coas formacións do catálogo de especialidades do SEPE
O programa comezou en outubro de 2025 e terá unha duración dun ano. Desenvólvese en Pontevedra, Santiago, A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo. Nel participarán 100 persoas inscritas no servizo público de emprego e que teñen recoñecida unha discapacidade, estean en risco de exclusión social, sexan persoas beneficiarias do tramo de inserción da renda da Risga, sexan mulleres que acrediten a condición de violencia de xénero e/ou persoas migrantes con autorización de residencia por arraigamento socioformativo.
Neste mes de xaneiro realizamos as presentacións grupais en cada delegación. Nas sesións, as técnicas e técnicos de Atención Integral reuniron a todas as persoas participantes do programa e explicaron os obxectivos do mesmo e as accións que se van a realizar.
Feitas as presentacións, iniciamos o programa coas accións formativas pertencentes ao catálogo de especialidades do SEPE. As formacións que se realizan son as de Primeiros Auxilios Físicos e Psicolóxicos na Empresa, Competencias dixitais básicas e Limpeza de Superficies. Estas formacións teñen unha duración de 100, 300 e 30 horas respectivamente.
Nos vindeiros meses seguiremos desenvolvendo os itinerarios personalizados de inserción mediante accións individualizadas e grupais. Para que as persoas participantes poidan acudir a estar formacións, dispoñemos dunha bolsa de axudas de 10€ diarios. Tamén estableceremos medidas de conciliación para facilitar a asistencia.
A través do Programa Integrado de Emprego de Saúde Mental FEAFES Galicia 2025/26, esperamos que as persoas participantes melloren as súas oportunidades de acceso ó emprego e acadar, como mínimo, o 42% de inserción. Agardamos que esta iniciativa sexa un apoio para que as persoas con problemas de saúde mental poidan alcanzar os seus obxectivos persoais e profesionais.

