Máis de 160 organización sociais, empresariais, educativas, colexios profesionais e sindicatos clamamos polo respecto fronte ao odio e a aporofobia nun acto organizado por EAPN Galicia.

O pasado mércores 17 de xuño, estivemos no Acto de Presentación da Declaración “Tolerancia e respecto. Fronte ao discurso do odio e a aporofobia” que EAPN- Galicia organizou no Museo do Pobo Galego con motivo do Día Internacional para Contrarrestar o Discurso de Odio. Á xornada acudimos 161 persoas pertencentes a entidades galegas, colexios profesionais, universidades, sindicatos, organizacións empresariais, organizacións culturais, entre outros. Tamén contou coa presenza de grupos parlamentarios, da Xunta de Galicia e da Valedora do Pobo.

Na apertura da xornada Ana Pardo, presidenta de EAPN Galicia, lembrou que esta declaración “foi pioneira en todo o Estado e que nos permitiu e nos permite ás entidades sociais galegas reforzar as nosas mensaxes contra calquera discurso de discriminación ou odio”. Pola súa parte, Mª Dolores Fernández, Valedora do Pobo, advertiu do risco dos sesgos da intelixencia artificial que poden perpetuar os discursos de odio e a discriminación.

 

 

Unha Declaración que se estende ao territorio nacional

A Declaración, que foi lanzada hai un ano, está baseada nos principios da Declaración Institucional do Parlamento de Galicia, aprobada por unanimidade nesa cámara o 22 de outubro de 2020. Esta declaración deixa claro que:

  • As persoas non son culpables da súa pobreza
  • Ninguén é culpable do seu sufrimento
  • Ningunha persoa é inútil.

A Declaración tamén sinala que “as persoas que sofren e denuncian esas e outras moitas mentiras ou as que afirman que o “máis perigoso dos prexuízos é cando ti mesmo os cres” non están soas” .

Coa mirada posta na perigosa deriva que está a tomar o panorama mundial, no que a dereitos humanos e garantías sociais se refire, anímase ás organizacións de todos os eidos e a cidadanía de todo o estado a asumir esa Declaración.

 

Unha margarida polas vítimas de delitos de odio

A imaxe escollida para ilustrar este evento foi unha margarida. En palabras da presidenta de EAPN Galicia, Ana Pardo: “as margaridas son flores que medran en abundancia e podemos atopalas facilmente na nosa vida cotiá. Ás veces pasan deaspercibidas, pero xuntas enchen prados enteiros”.

Baixo o lema “Somos máis. Somos da maioría que respecta”, as entidades pertencentes á rede EAPN Galicia facemos un chamamento á responsabilidade individual e colectiva. En Galicia rexistráronse no 2025 118 vítimas de delitos e incidentes de odio, segundo o “Informe sobre a evolución dos delitos de odio en España 2025”, do Ministerio de Interior. Por cada unha delas e das que non están rexistradas, cada persoa asistente ao acto colocou unha margarida en lembranza e homenaxe.

Máis información sobre a Declaración e organizacións adheridas:

https://eapn-galicia.com/grazas-por-sumarvos-a-declaracion-tolerancia-e-respecto-fronte-ao-discurso-do-odio-e-a-aporofobia/

Share