Skip to main content

Preto de 20 empresas que desenvolven a súa actividade nas Rías Baixas asistirán o luns 8 de xuño a un encontro empresarial organizado por FUNDACIÓN MAPFRE en Sanxenxo. O obxectivo é presentarlles o programa “Juntos Somos Capaces”, que leva a cabo esta entidade dende 2010 coa fin de promover a formación ocupacional e a inserción laboral de persoas con discapacidade intelectual e enfermidade mental.

Durante o encontro, que é posible grazas ao apoio do Real Club Náutico de Sanxenxo, a Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra, Turismo Rías Baixas, así como Down Galicia e  FEAFES Galicia, invitarase a empresas como Termas de Cuntis e Espazo Do Lector a que participen no programa “Juntos Somos Capaces”.

Grazas a esta adhesión, poderán facilitar a persoas en risco de exclusión social e en situación de desemprego de longa duración traballos directos e prácticas laborais coas que obter máis oportunidades profesionais no futuro. As empresas que participen neste programa recibirán tamén o apoio e o seguimento necesario por parte de profesionais especializados de entidades como FEAFES Galicia e Down Galicia.

Os excelentes resultados do programa “Juntos Somos Capaces” converten a FUNDACIÓN MAPFRE nun dos principais dinamizadores da inserción socio-laboral das persoas con discapacidade intelectual e enfermidade mental en España. Dende hai cinco anos, fíxose posible que un total de 2.500 empresas colaboren actualmente co programa, facilitando a formación a máis de 1.300 persoas e a inserción laboral a máis de 1.600.

No acto participarán D. David Rey, Director Territorial de MAPFRE Galicia Sur; D. Pedro Campos, Presidente do RCN Sanxenxo; D. Fernando Garrido, Director da Área de Acción Social de FUNDACIÓN MAPFRE, D. Manuel Pérez, Vicepresidente de DOWN Galicia, D. Xosé Ramón Girón, Presidente de FEAFES Galicia, Dña. Coro Piñeiro, Secretaria Xeral de Política Social da Xunta de Galicia e D. Rafael Louzán, Presidente da Deputación Provincial de Pontevedra.

ACTO MAPFRE SANXENXO.jpg