Skip to main content

A asociación lucense de familiares e persoas con enfermidade mental, Alume, vén de lanzar unha campaña contra o estigma asociado ás doenzas da mente. Esta iniciativa, que leva por nome “Lugo contra o estigma”, tivo como primeiro convidado de luxo ó actor Gabino Diego, que se prestou amablemente a colaborar con Alume e amosar as razóns polas que está contra o estigma asociado á enfermidade mental.

A fotografía de Gabino Diego, así como outras moitas que irán saíndo á luz, serán colgadas no blog da campaña. O seu obxectivo é conseguir que a xente de Lugo comarca, e en xeral toda a xente que o desexe, conte as razóns polas que está contra o estigma social que sofren as persoas que padecen algunha enfermidade mental.

Alume considera que xuntando moitas razóns, moitas ideas e moitas caras, poderase visibilizar na área xeográfica de Lugo unha problemática que afecta a moita xente, pois se trata do primeiro obstáculo no camiño cara a recuperación das persoas que presentan un trastorno mental grave.

Para participar na campaña, tan só tes que descargar un dos carteis #contraelestigma que poderás atopar pinchando neste enlace do blog, escribir as razóns polas que estás contra o estigma, facer unha fotografía e enviala a lugocontraelestigma@gmail.com. Os carteis, en PDF, pódense descargar tanto en galego como en castelán.

Alume quere aproveitar o lanzamento da campaña para dar as grazas a Gabino Diego e ó seu representante pola súa implicación e por dar a cara contra o estigma. O actor foi fotografado cun usuario de Alume, Tano, coa esperanza de que tras de si sexan moitos os que continúen a pronunciarse contra o estigma das enfermidades mentais.

campaña alume gabino diego.jpg