Skip to main content
O 10 de outubro conmemórase o Día Mundial da Saúde Mental, celebración que conta co apoio da Organización Mundial da Saúde (OMS). O tema elixido a nivel mundial para esta conmemoración é mocidade e saúde mental, considerando que se trata dun asunto de gran relevancia de cara á prevención, á pronta abordaxe dos problemas de saúde mental e á sensibilización acerca desta realidade.
A este propósito, durante a primeira quincena de outubro, numerosas asociacións de familiares e persoas con problemas de saúde mental de Galicia sairán á rúa e achegaranse aos centros educativos para chamar a atención sobre esta realidade e trasladar aos poderes políticos, axentes sociais, sector educativo, medios de comunicación, profesionais de diversos ámbitos e á cidadanía en xeral, as reivindicacións e necesidades do colectivo.
Farano a través da campaña “Mocidade saudable” organizada por Saúde Mental FEAFES Galicia, que ten como obxectivo facer reflexionar á cidadanía sobre como se debe fomentar unha boa saúde mental na etapa moza. Para iso, as distintas asociacións sairán á rúa e achegaranse aos centros educativos con xogos e dinámicas nas que os participantes poderán identificar condutas favorables e desfavorables para a saúde mental.
As actividades presenciais completaranse coa web mocidadesaudable.org, que inclúe xogos online para poñer en práctica os coñecementos sobre saúde mental, material informativo e recursos didácticos. Pola súa parte, a difusión en redes sociais farase a través do hagstag #mocidadesaudable, animando aos internautas a subir fotografías indicando hábitos favorables ou desfavorables para a saúde mental. 

Mocidade e saúde mental

A adolescencia é un período delicado cheo de cambios, inseguridades, presións e desaxustes entre as aspiracións e a realidade. Por iso, os mozos e mozas son particularmente sensibles aos problemas relacionados coa saúde mental, polo que é fundamental coidar certos aspectos e educar na saúde en todos os ámbitos.
Os datos revelan que entre o 10 e o 20% dos nenos, nenas e adolescentes teñen problemas de saúde mental. A metade das enfermidades mentais presentan síntomas antes dos 14 anos, e tres cuartos delas comezan antes dos 24. Neste contexto, o sector educativo xoga un papel fundamental, enfrontándose ao reto de crear un ambiente educativo onde os mozos e mozas se sintan cómodos, respectados e integrados.
Para previr os trastornos mentais en idades temperás, é importante involucrar ás familias e ás institucións educativas na etapa de prevención, desenvolvendo técnicas de detección temperá, intervención precoz e un clima relacional positivo e saudable no contexto educativo, familiar e social. Para iso, é preciso o investimento de recursos humanos e financeiros, ademais de fomentar vínculos intersectoriais que permitan traballar conxuntamente aos diferentes sectores e actores implicados. 
Por tanto, aproveitamos a conmemoración do Día Mundial da Saúde Mental para reivindicar a urxente necesidade de que a saúde mental dos mozos e mozas estea na axenda política, coa fin de reverter a advertencia da OMS que indica que os trastornos mentais serán a primeira causa de discapacidade en 2030.