O Director Xeral de Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, achegouse onte ás instalacións da asociación Avelaíña en Poteareas. Á visita acudiron tamén Xosé Ramón Girón e Antonio Hernández, Presidente e Director respectivamente de Saúde Mental FEAFES Galicia; Fernanda Orduna, presidenta de Avelaíña; Verónica Carrera, Concelleira de Benestar Social do Concello de Ponteareas; e Belén Villar e Andrés Sampedro, membros do Partido Popular de Ponteareas.
Tras unha visita ás instalacións, tivo lugar unha reunión na que se presentou o programa Achego, pioneiro na atención á saúde mental no rural e que se enmarca dentro do programa de atención de proximidade no rural que desenvolve Saúde Mental FEAFES Galicia coa colaboración da Consellería de Política Social.
Este programa busca paliar unha realidade preocupante nas zonas máis despoboadas do rural galego: as persoas con problemas de saúde mental que, por mor da dispersión xeográfica e o illamento poboacional, quedan desatendidas. Co programa de atención de proximidade no rural, preténdese achegar servizos de atención á saúde mental a aquelas zonas con especial dificultade de acceso, intentando evitar así que a situación destas persoas se agrave.
Para desenvolver o programa, unha serie de equipos profesionais desprázanse aos domicilios e espazos de convivencia das persoas con problemas de saúde mental que viven no rural, permitindo así que os apoios cheguen á contorna habitual destas persoas. Realízase, ademais, un acompañamento social nos casos nos que é preciso, así como accións de promoción da saúde mental comunitaria.
Este programa está coordinado por Saúde Mental FEAFES Galicia e é desenvolvido por cinco asociacións e unha delegación da federación nas seguintes localidades:
- Na provincia da Coruña, as asociacións Andaina, Fonte da Virxe e A Creba, actúan nas zonas de Ordes e Sar, contorna de Santiago e O Barbanza, respectivamente.
- Na provincia de Lugo, as asociacións A Mariña e Alume, realizan a súa labor nas comarcas de A Mariña e na contorna de Lugo e a montaña Lucense.
- Na proximidade de Ourense, a delegación de FEAFES Ourense desprázase a Celanova e Paradanta
- E na provincia de Pontevedra, a asociación Avelaíña traballa en Condado e Paradanta.
Achego: un exemplo pioneiro de traballo no rural
No 2016, a asociación Avelaíña deseñou o proxecto Achego para levar a atención sociosanitaria ás persoas con problemas de saúde mental e ás súas familias nas comarcas de O Condado e A Paradanta. Foi unha iniciativa pioneira que por primeira vez deu resposta á necesidade de atención especializada en saúde mental no rural.
Co apoio de Saúde Mental FEAFES Galicia e fondos da Consellería de Política Social, este programa púxose en marcha coa contratación dun equipo específico de intervención que, coa axuda do equipo asistencial da entidade, atendeu a 60 persoas con problemas de saúde mental e as súas familias.
Dende a súa posta en marcha no 2016, cada ano benefícianse do programa de atención de proximidade no rural un número crecente de persoas, acadando no 2021 as 140 persoas atendidas de xeito directo en toda Galicia. No 2022, coa ampliación de zonas de actuación e un desenvolvemento cada vez maior do programa, está previsto que haxa un total de 170 persoas beneficiarias de xeito directo e arredor de 340 de xeito indirecto, incluíndo nesta última cifra ás familias, persoas achegadas e persoas da contorna.