A conselleira de Política Social, Fabiola García, valorou o esforzo, ilusión e gañas de aprender das persoas participantes nos 27 proxectos de formación prelaboral desenvolvidos ao longo deste curso 2018-2019 por 16 entidades galegas de atención á discapacidade. O Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia acolleu o pasado 8 de xullo a entrega de diplomas e clausura destas accións formativas das que se beneficiaron 750 persoas.
A conselleira fixo fincapé no éxito desta iniciativa de formación prelaboral, que nesta terceira convocatoria multiplicou por dous o número de entidades implicadas con respecto á primeira edición, ao pasar de 9 a 16. Un incremento que tamén se reflicte na cantidade de accións formativas levadas a cabo: 27 neste curso fronte aos 11 da primeira edición; e no número de persoas participantes, que pasou dos 265 de entón ás 750 actuais.
No acto de entrega de diplomas, Fabiola García destacou a importancia deste programa para a mellora da empregabilidade e adquisición de habilidades do alumnado, o que permite avanzar no obxectivo dunha Galicia máis acolledora e inclusiva na que todas as persoas poidan demostrar a valía que teñen en igualdade de oportunidades. Neste sentido, avogou pola coordinación e colaboración de Administracións públicas, entidades e empresas para traballar en favor da plena inclusión e da mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade e as súas familias.
As entidades que desenvolveron actividades formativas neste curso foron: Habilitas, Acoprós, Down Galicia, Amicos, Saúde Mental FEAFES Galicia, COGAMI, Asdivalu, Andaina, Faxpg, ASCM Ferrol, Fademga, Itínera, Acción Laboral, Bata, Ardai e Xaruma. Os cursos que levaron a cabo abordaron, entre outras temáticas, a preparación de oposicións autonómica e estatal para persoas con discapacidade intelectual, alfabetización e formación básica, formación no sector da hostalería, formación en competencias para o emprego, deseño de itinerarios personalizados, habilidades para a vida autónoma ou educador ambiental.
En Saúde Mental FEAFES Galicia, o Programa de Habilidades Prelaborais levouse a cabo nas delegacións de A Coruña, Santiago e Vigo entre xullo do 2018 e xuño de 2019. Nel participaron 30 persoas que se beneficiaron de accións individuais e talleres grupais tales como habilidades sociolaborais, hábitos da vida diaria, manexo das novas tecnoloxías, psicoeducación, igualdade e inclusión social.
O Programa de Habilidades Prelaborais responde a unha subvención para o desenvolvemento de proxectos de asesoramento e formación de persoas con discapacidade na Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciada pola Consellería de Política Social (a través da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade) e o Fondo Social Europeo no marco do Programa Operativo do FSE Galicia 2014-2020, no seu obxectivo 9: “Promover a inclusión social e loitar contra a pobreza e calquera forma de discriminación”.
O obxectivo deste programa é mellorar a empregabilidade dos demandantes de emprego que participan no proxecto e, en consecuencia, mellorar a súa integración social mediante a adquisición de habilidades e capacidades prelaborais que permitan a súa preparación para unha futura inclusión sociolaboral. Igualmente, o Programa de Habilidades Prelaborais de Saúde Mental FEAFES Galicia pretende fomentar a participación das persoas con enfermidade mental como cidadáns activos no desenvolvemento social e económico do seu entorno.

