Con motivo do Día da Saúde Mental 2016, que se conmemora o vindeiro luns 10 de Outubro, a asociación Afaes Porta Nova de Narón está a organizar unha serie de actos durante toda a semana baixo o lema “Son como ti aínda que aínda non o saibas”.
O luns 10 de outubro inaugurarase a exposición de cadros do pintor Andrés Bouzón Lorenzo na Galería Sargadelos de Ferrol, que estará aberta ata o sábado 15 de Outubro. O martes día 11, pola súa banda, haberá unha celebración do Magosto cos usuarios da asociación nas instalacións da mesma.
O xoves 13 de outubro terá lugar a charla ?Os aspectos legais e as persoas con enfermidade mental? a cargo dos asesores xurídicos de FEAFES Galicia, que se celebrará ás 17:15 nos locais de Afaes. A continuación, o venres 14, haberá unha mesa informativa sobre saúde mental no hall do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol Arquitecto Marcide.
Pero será o domingo 16 cando Afaes culmine a súa celebración do Día Mundial da Saúde Mental coa celebración da I Carreira-Andaina Solidaria pola Saúde Mental, que terá lugar en Narón. Para iso, a asociación contará coa colaboración da Federación Galega de Atletismo, o Club de Atletismo Narón e o Concello de Narón, entre outras entidades.
Esta proba está aberta a todos os atletas, federados ou non, sen distinción de sexo ou procedencia. Haberá diversas categorías dende biberóns ata veteranos, incluíndo a posibilidade de optar ao “Dorsal 0” para quen queira colaborar coa causa pero non poida estar presente ese día. Simultaneamente realizarase unha andaina, aberta a tódolos públicos.
As inscricións deberán facerse vía web ata o xoves 13 de outubro ás 23:59. Para máis información, non dubidedes en consultar a web da carreira.