Skip to main content
O Comité en Primeira Persoa de Saúde Mental FEAFES Galicia é un órgano formado por persoas usuarias que intentan traballar a favor dos seus dereitos e contra o estigma asociado aos problemas de saúde mental.
Baixo o título do concurso “MÁIS ALÁ DO CONFINAMENTO”, o Comité quere coñecer, a través das nosas imaxes, como estamos a vivir o tránsito cara esta nova realidade dende a perspectiva da saúde mental. Gustaríalles saber como se ven as persoas con problemas de saúde mental a si mesmas e como as ven os demais en diversos ámbitos da vida diaria: na situación de emerxencia social e sanitaria que estamos a vivir, durante a desescalada e o desconfinamento, no traballo, no lecer ou no deporte, nas relacións cos demais, coa familia, nos estudos, na política… 
Non obstante, para o Comité tamén é importante constatar se realmente a sociedade ve ás persoas con problemas de saúde mental ou se son totalmente invisibles, ou se só se ve delas unha parte incompleta. Isto é, se cabe, máis importante que nunca nunha situación como a que estamos a vivir.
Neste concurso poderá participar calquera persoa residente na comunidade autónoma de Galicia que estea vencellada á saúde mental ou pertenza a algunha entidade de Saúde Mental FEAFES Galicia: persoas participantes nos servizos ou programas, familiares, persoas achegadas, amizades, persoas voluntarias ou colaboradoras, etc. Cada participante poderá enviar dúas fotografías.
O prazo para a recepción das propostas rematará o martes 30 de xuño ás 12:00 do mediodía. As fotografías e a documentación requirida serán enviadas por correo electrónico a comite.primerapersona@feafesgalicia.org