Skip to main content

Catro empresas viguesas recibiron onte un recoñecemento polo seu compromiso coa inserción laboral das persoas con problemas de saúde mental


 

O 8 de febreiro celebramos a primeira edición dos nosos Premios Empréganos na sede do Consorcio da Zona Franca de Vigo. Estes premios teñen como obxectivo recoñecer o compromiso e a implicación das empresas, organismos e persoas favorecedoras da inserción laboral das persoas con problemas de saúde mental.

No acto, conducido pola actriz Antía Costas, entregáronse premios a catro empresas viquesas. Na categoría Gran Empresa resultou galardoada Acciona Facility Services, pola súa destacable colaboración na intermediación e na inserción laboral, así como por facilitar a adaptación dos postos de traballo ás persoas con capacidades diferentes. O premio PEME Empresa Ordinaria foi para Orbe, da que se destacan as facilidades no acceso á formación en prácticas e o favorecemento da inserción laboral do colectivo. Freshcut recibiu o premio PEME Emprego Protexido pola extensa traxectoria de colaboración con Saúde Mental FEAFES Galicia, así como polo apoio e seguemento tanto no proceso de prácticas como no propio posto de traballo.

Como Entidade do Terceiro Sector, recoñeceuse o traballo de Inserta (Fundación ONCE), que destaca polo seu valor como recurso exclusivo na formación e inserción laboral para persoas con discapacidade, e pola colaboración e financiación na liña de emprego con apoio. Na categoría Persoa Referente, foi premiado Eusebio Méndez, xerente de Freshcut, en recoñecemento ao seu compromiso persoal, implicación e preocupación polo ambiente laboral e pola saúde mentald as persoas, así como pola súa filosofía de integración da diversidade. Finalmente, como Administración Pública, recibiu un galardón a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, en recoñecemento ós máis de 20 anos de apoio e financiamento de programas para a mellora da inserción sociolaboral das persoas con problemas de saúde mental.

Ademais dos premiados, entregáronse diplomas de recoñecemento ás empresas e entidades da zona que ó longo do ano 2022 colaboraron con Saúde Mental FEAFES Galicia na inserción laboral das persoas con problemas de saúde mental: Arenal, Grupo SIFU, Panadería Barrio do Cura, Fundación Érguete, igaxes, Norientgra, Píntega, UTE Acciona Mantén, Concello de Vigo e Deputación de Pontevedra.

55% de inserción grazas ós programas de emprego

Duranteo acto, o presidente de Saúde Mental FEAFES Galicia, Xosé Ramón Girón, sinalou que ao longo do 2022, a entidade axudou a 661 persoas con problemas de saúde mental en toda Galicia a acadar un emprego, o que representa o 55% das persoas antendidas. Esta cifra, contrasta notoriament coa taxa xeral de inserción laboral do colectivo: 17%. Este feito demostra que cando hai un servizo especializado detrás, as oportunidades para estas persoas multiplícanse.

Tamén interviu na entrega de premios Manuel López, representante das persoas usuarias de Saúde Mental FEAFEs Galicia e portavoz do Comité en Primeira Persoa de Galicia, que puxo o foco na importancia que ten o emprego para o desenvolvemento dun proxecto de vida de calquera persoa, e en especial das que teñen un problema de saúde mental. López pediu confianza e non discriminación por parte do empresariado, para que as persoas con problemas de saúde mental poidan demostrar a súa valía no entorno laboral.

A Xunta, comprometida coa inserción

Na súa intervención, a Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Mª Jesús Lorenzana, indicou que é necesario sensibilizar á sociedade no seu conxunto e tamén ó tecido empresarial para fomentar a contratación, apoiando a eliminación de prexuizos e estereotipos. Indicou, ademais, que a Xunta de Galicia seguirá traballando en proxectos que favorezan a inserción laboral das persoas con problemasd e saúde mental, porque o emprego é un factor fundamental na súa inclusión.

Ademais da Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, ao acto asistiron a Secretaria Xeral de Apio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca; o Deputado de Cooperación cos Concellos e Asistencia Intermunicipal, Santos Héctor Rodríguez, a Concelleira de Política de Benestar Social, Yolanda Aguiar Castro; o Xefe do Servicio de Psiquiatría de Vigo, José Manuel Olivares; e a Directora Xeral do Consorcio Zona Franca de Vigo, Inés González. Tamén houbo representantes de Saúde Mental FEAFES Galicia e das súas asociacións, así como múltiples empresas da zona.