O proxecto “Inclusión Social: Atención Integral a Persoas con Discapacidade por Enfermidade Mental”, cofinanciado pola Consellería de Política Social e o Fondo Social Europeo, pretende fomentar a inclusión social básica e facilitar a transición ao emprego para aquelas persoas con problemas de saúde mental que se atopan nunha situación de especial vulnerabilidade.
Neste marco, FEAFES Galicia desenvolve un Punto Formativo de Inclusión Sociolaboral para Persoas con Enfermidade Mental, que consiste na realización de actividades orientadas á adquisición de habilidades persoais e sociais básicas por parte dos seus participantes, así como fomentar a súa alfabetización dixital e acompañalos na transición ao emprego.
De xeito transversal, trátase a perspectiva de xénero a través dun obradoiro de Igualdade e Inclusión Social que consta dun total de 12 horas formativas. En Vigo realizarase do día 13 ao 16 deste mes de 17:30 a 20:30 na Casa da Muller (Rúa Romil, 20).
Neste obradoiro falarase acerca do sexo e o xénero, os micromachismos máis habituais, o autoconcepto, a afectividade e a sexualidade, a prevención dos malos tratos, a igualdade laboral e os recursos existentes na comunidade relativos a estas cuestións.
FEAFES Galicia quere agradecer ao Concello de Vigo, e especialmente á Concellería de Igualdade, a súa colaboración a través da cesión de espazos e aulas nas que desenvolver diversas actividades, nesta ocasión a Casa da Muller.
