Skip to main content
O Comité en Primeira Persoa de Saúde Mental FEAFES Galicia é un órgano formado por persoas usuarias que traballan a favor dos seus dereitos e contra o estigma asociado aos problemas de saúde mental. Tras o éxito do seu primeiro concurso fotográfico “Máis alá do confinamento”, convocado en maio do 2020, agora lanzan unha segunda edición que ten como temática o emprego e a saúde mental.
Baixo o título “Deixádevos de lerias: traballo en igualdade”, o Comité quere coñecer, a través das fotografías das persoas participantes, a percepción ou experiencias que teñen as persoas vinculadas á saúde mental respecto ao acceso ao emprego por parte do colectivo: dificultades, apoios, obstáculos, axudas, éxitos, anécdotas… 
Trátase dun asunto que preocupa especialmente ao Comité en Primeira Persoa de Saúde Mental FEAFES Galicia dado o baixo índice de inserción laboral do colectivo, que ronda o 15%, así como a falta de estabilidade laboral, a discriminación salarial, a dificultade de acceso a sectores de cualificación media-alta, etc. 
Non obstante, dende o Comité indican que “o traballo ten un importante valor inclusivo e de normalización para as persoas do noso colectivo, o cal cómpre poñer en valor. Convidámosvos, por tanto, a compartir as vosas experiencias e impresións a través da expresión fotográfica, pois cremos que a nosa mirada é moi importante”.
Neste concurso poderá participar calquera persoa residente na comunidade autónoma de Galicia que estea vencellada á saúde mental ou pertenza a algunha entidade de Saúde Mental FEAFES Galicia: persoas participantes nos servizos ou programas, familiares, persoas achegadas, amizades, persoas voluntarias ou colaboradoras, etc. Cada participante poderá enviar un máximo de dúas fotografías.
O autor ou autora da fotografía gañadora recibirá un agasallo relacionado coa práctica fotográfica, a impresión e enmarcado da súa fotografía e unha figura de artesanía. Tamén haberá un segundo e terceiro premio que serán galardoados cun agasallo conmemorativo.
O prazo para a recepción das propostas rematará o domingo 25 de abril de 2021 ás 23:00 da noite. As fotografías e a documentación requirida deberá ser enviada por correo electrónico a comite.primerapersona@feafesgalicia.org