Skip to main content

O pasado luns 4 de abril, o Consorcio As Mariñas e a Asociación Pro Enfermos Mentais da Coruña (APEM) convocaron a segunda edición do premio José Luis Muruzábal dirixido a promover proxectos no campo da saúde mental a través de experiencias innovadoras no ámbito sociolaboral ou socioeducativo.

Este premio debe o seu nome ao que foi presidente da asociación APEM, federada en FEAFES Galicia, dende 1987 ata o seu falecemento hai dous anos. Muruzábal tamén formou parte da Xunta Directiva da Federación durante os últimos anos da súa vida, defendendo sempre os dereitos das persoas con enfermidade mental e buscándolles un futuro digno. Os premios que levan o seu nome queren render homenaxe a quen foi un gran impulsor da mellora na calidade de vida deste colectivo en Galicia.

A presentación da segunda edición destes galardóns tivo lugar na sede de APEM e correu a cargo de José Antonio Santiso, presidente do Consorcio, María Antonia Pérez, presidenta de APEM e Ignacio Crespo, responsable do Plan Coordinador de Servizos Sociais do Consorcio. Tamén acudiron as concelleiras de Servizos Sociais dos Concellos de Arteixo, Culleredo e Cambre, cos que Muruzábal mantivo un estreito traballo.

A nova convocatoria do premio manterase en esencia con respecto ao ano pasado. Practicamente o único cambio, explicou Crespo, consiste en que se diferenciará entre o concurso individual ou o dunha institución en concreto e que se permitirá nas bases que o premio sexa compartido, se así os considera o xurado.

Poderán optar ao premio todos os profesionais de ámbitos como a psiquiatría, a medicina ou as ciencias sociais, así como entidades públicas ou privadas que desenvolvan programas nesta área. Podes consultar a base dos premios aquí.

Os traballos deben ser orixinais e o xurado terá en conta a innovación, a claridade da exposición e a aplicación práctica da proposta, resaltando o alcance e efectos dos beneficios que supoña. O prazo para a presentación dos traballos finalizará o 31 de xullo deste ano e o xurado, de carácter multidisciplinar, fallará no mes de outubro.

premios muruzabal.jpg        premios muruzabal2.jpg